Servizos sociais

O PP pide a comparecencia de González polas “novas irregularidades” do Antonio Gandoy

By 15 Xaneiro, 2016Febreiro 4th, 2016Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP, Jaime Castiñeira, cualifica de “inadmisible” que “ao día seguinte de terse fugado unha usuaria do centro de día Antonio Gandoy se sigan producindo anomalías que puideron ter motivado ese incidente”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, anuncia que pedirá no vindeiro pleno a comparecencia da edil de Servizos Sociais, Ana González, “logo da acumulación de casos preocupantes no Antonio Gandoy e das novas irregularidades das que hoxe se fan eco os medios de comunicación”.

Nese senso, o popular cualifica de “profundamente irresponsable” que os maiores estean accedendo ao centro de día Antonio Gandoy pola porta do Maruja Mallo, “que non garante as medidas de seguridade coas que si conta a porta específica do centro de día”. Así, Castiñeira detalla que “a entrada empregada habitualmente non só non conta cun sistema de dobre porta que impida a saída imprevista de usuarios senón que ademais os maiores se familiarizan cun acceso menos controlado e seguro, ao que logo poden recorrer no caso de querer saír do centro”, ao tempo que sinala que “esa porta pola que entran é a que utilizan moitas outras persoas para calquera outra actividade”. “Toda medida de prevención e de seguridade é pouca cando falamos de maiores e persoas en situación de especial vulnerabilidade e máis aínda tendo en conta o incidente deste martes”, destaca.

Así mesmo, Castiñeira cualifica de “inadmisible e impresentable” que “ao día seguinte de terse fugado unha usuaria do Antonio Gandoy nin sequera se tomasen medidas básicas que puideran evitar novos casos”, xa que “unha das anomalías que quizais estean detrás dese incidente pode ser precisamente esta cuestión dos accesos”. Nesa liña, o popular lamenta que “despois de todo o que pasou, o goberno local aínda non tivo a ben adoptar nin unha soa medida para reforzar a seguridade dos usuarios e para, deste xeito, garantir a tranquilidade das familias; e, para iso, o primeiro é cumprir escrupulosamente os protocolos”.

Ademais, os populares pedirán que a edil socialista aclare durante a súa comparecencia a razón pola que o sistema de transporte de usuarios “non cumpre con todos os requisitos legais ao non estar adaptada por non contar cun chanzo retráctil”, como recolle o prego de condicións.

Por último, o voceiro popular salienta que “un disparo dunha pistola dun traballador, unha denuncia por malos tratos e a fuga dun neno e dunha anciá non poden despacharse coa simple excusa de que se trata dun feito illado e puntual”, polo que esixe “explicacións e, sobre todo, unha reacción inmediata que corrixa todas as deficiencias e anomalías rexistradas, que non son poucas”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies