Servizos sociais

Castiñeira pide á alcaldesa que aparte á edil de Servizos Sociais das súas funcións

By 13 Xaneiro, 2016Febreiro 4th, 2016Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP afirma que “despois dun disparo de pistola dun empregado, dunha denuncia por presuntos malos tratos a usuarios e de dúas fugas en menos de seis meses, urxe tomar decisións políticas responsables”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, reclamou esta mañá en rolda de prensa á alcaldesa que aparte das súas funcións á edil de Servizos Sociais, Ana González, porque “non demostra nin capacidade nin competencia para o posto”.

Nesa liña, o popular afirmou que “cómpre que se adopten decisións políticas responsables despois do disparo dunha pistola que un empregado levou ao centro, despois de que o xulgado estea a investigar unha denuncia presentada por ex traballadoras de presuntos malos tratos a usuarios do Antonio Gandoy e despois de que en xullo de 2015 e en xaneiro de 2016 se fugasen un menor e unha maior”. “Cada seis meses estámonos atopando con incidencias moi graves e con que o que deberían ser casos puntuais e excepcionais se acabaron convertendo en norma habitual que proban o descontrol deste Concello”, asegurou Castiñeira.

Así mesmo, o popular incidiu en que “a alcaldesa non pode seguir mirando para outro lado”, posto que “por unha banda, os casos das dúas persoas que se escaparon do centro social ocorreron xa durante o seu mandato” e, pola outra, “porque a concelleira ou non sabe o que ocorre ou ben sábeo e mira para outro lado”, en referencia á denuncia por malos tratos, da que González era coñecedora pero á que non lle deu o trámite oportuno.

Deste xeito, Castiñeira apuntou que “estamos a falar de persoas en situación de especial vulnerabilidade”, polo que “hai que extremar a atención e o control dende o Concello”, que é o “máximo responsable” de que o servizo se preste “con todas as garantías”. Nese senso, o popular apelou á necesidade de darlles tranquilidade ás familias, “ás que poden entrarlles as dúbidas á vista destes feitos”, e para o que “a primeira medida é a apartar á responsable política para, a partir de aí, reforzar a seguridade do centro e o control sobre a xestión do Antonio Gandoy, que nos custa 350.000 euros anuais”.

Comisión de Investigación.-

Por outra parte, Jaime Castiñeira indicou que “todas as advertencias e todas as conclusións ás que chegamos a raíz da comisión de investigación creada a instancias do PP continúan confirmándose a cada novo feito que ocorre no Antonio Gandoy”. Deste xeito, o popular lembrou que nese órgano puxérase de manifesto que o goberno municipal ocultou os partes de incidencias do centro e que se estaba a incumprir sistematicamente o prego de condicións do servizo en aspectos tan “esenciais” como a ausencia de memorias anuais de funcionamento, a falta de celebración de reunións mensuais de coordinación documentadas, o desglose nas facturas dos servizos prestados a cada usuario, o informe que recolle que os vehículos de transporte cumpren coa normativa de accesibilidade ou o seguemento na contratación do persoal.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies