Servizos sociais

O PP esixe unha rectificación pública de Racamonde e urxe a defensa de usuarios e traballadores do Antonio Gandoy antes dos intereses da concesionaria 

By 7 Outubro, 2021Sin comentarios

A concelleira do Grupo Municipal do PP Macamen López critica duramente as palabras de Olga Racamonde e lle esixe que en lugar de defender á empresa concesionaria o que debe de facer é esixir que cumpra cos compromisos adquiridos e corrixa as deficiencias detectadas por Sanidade e denunciadas por traballadores

“Non imos tolerar baixo ningún concepto que a concelleira Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores; o goberno local e o Concello de Lugo non defendan aos usuarios e aos traballadores do centro de día Antonio Gandoy”. Así de contundente se amosa Macamen López despois de ter coñecemento da resposta dada por Olga Racamonde ás queixas feitas públicas polos traballadores deste centro de día municipal. “Non damos crédito a que a señora Racamonde defenda antes á empresa concesionaria, que non está a cumprir cos seus compromisos adquiridos, que aos usuarios e aos traballadores”, afirma.

A concelleira popular afirma que “de sobra son coñecidas” as necesidades existentes neste centro, así como “a falta de solucións dadas pola empresa concesionaria e o goberno local”. Sinala Macamen López que non se trata dun problema puntual, xa que tanto con esta concesionaria como coa anterior, os traballadores tiveron reiterados problemas de subministro de materias, uniformes para realizar o seu traballo, chegando no momento máis crítico a estar varios meses sen cobrar as nóminas.

A resposta dada por Olga Racamonde, explica Macamen López, evidencia unha tendencia que hai anos que se ve nos socialistas: “xa perderon a O de obreiros, porque hai anos que optaron por defender antes ás empresas que os dereitos dos traballadores”.

Ante a resposta dada por Olga Racamonde, tentando xustificar a “súa total falta de traballo” en que os traballadores están nerviosos ante a licitación do novo prego de condicións que rexerán o servizo nos vindeiros meses. “A concelleira de Benestar non pode estar máis equivocada, xa que os traballadores o único que piden é que lles entreguen o material que precisan para traballar e poder atender en boas condicións aos usuarios”.

Macamen López recorda que nos últimos anos o Grupo Municipal Popular xa realizou varias denuncias públicas alertando das carencias diarias que tanto usuarios como traballadores sufrían no centro, todo debido á “deficiente xestión” que o goberno local realiza sobre a concesión do Antonio Gandoy.

Unha deficiente xestión e control que chega ao punto de que non se considera como baixa laboral “ter contraído a covid ou estar en cuarentena por ter sido contacto dalgún positivo” ou que se desconte da nómina dos traballadores o acompañamento dun familiar a un tratamento oncolóxico nunha provincia diferente a de residencia e traballo.

A concelleira popular recorda algunhas das queixas que os traballadores do centro levan meses denunciando e que seguen sen corrixirse:

  • Non poder usar o ascensor que hai no edificio, porque este centro de día, a pesares de compartir edificio co centro social Maruja Mallo, está illados no seu interior, e so este último ten elevador nas súas instalacións
  • A empresa concesionaria segue sen entregar a terceira furgoneta, que figura nos pregos do contrato, para o traslado dos usuarios ao centro e aos seus domicilios, mentres o goberno local mira cara outro lado
  • Segue sen realizarse a renovación de mobles e sofás debido ao gran deterioro que presentan, ao igual que sucede cos estores
  • Hai graves carencias de persoal sanitario
  • Segue sen realizarse a limpeza exterior do centro, cheo de verdín o que fai do chan unha pista de patinaxe, e da terraza, chea de cristais
  • Tampouco se corrixen as barreiras arquitectónicas que hai no acceso ao centro nin se instala ningún tipo de protección contra a choiva
  • Non se arranxaron as deficiencias detectadas nunha inspección de Sanidade hai varios anos
  • Seguen sen dar acceso a internet aos traballadores nos despachos, habendo un único ordenador a disposición de todos os traballadores para facer o seguimento dos usuarios

Deficiencias ás que hai que engadir “problemas crónicos” como a falta constante de material para o traballo diario ou a falta de uniformes par aos traballadores “algo fundamental para realizar as tarefas de cada día”.

Para Macamen López Silva a deriva na que o goberno local está a deixar o Antonio Gandoy é o mellor exemplo da súa falta de preocupación polos servizos sociais municipais, xa que non son capaces nin de limpar unha beirarrúa pegada a este centro nin de pintar e reservar prazas de estacionamento para os vehículos de transporte dos usuarios.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies