O PP afirma que o 90% das peonalizacións, carrís bici e cambios no transporte incumpren o plan de mobilidade aprobado polo goberno local

O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que a maior parte das decisións que Lara Méndez e Rubén Arroxo toman en materia de mobilidade incumpren o plan de mobilidade municipal, aprobado en xunta de goberno en 2014, e que supuxo un custe de 120.000€ para os lucenses

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica as dúas ramas do bigoberno, as de Lara Méndez e Rubén Arroxo, por traballar cada un pola súa banda, tentando obter maiores titulares que o seu rival, sen ter en conta o plan de mobilidade municipal que os seus partidos acordaron e que se aprobou en xunta de goberno, a ferramenta básica pola que se deberían guiar para realizar as modificacións do transporte urbano, a implantación do carril bici ou os cambios de sentido das rúas e as peonalizacións.

Unha situación que non se entende, despois de que o plan de mobilidade municipal entrase en vigor en 2014, despois de ser aprobado en xunta de goberno local no mes de xuño dese ano, e ter un custo de 120.000€ para as arcas municipais. “Falamos dun documento estudado, que tardou cinco anos en ser aprobado e que vemos que para Méndez e Arroxo non é máis que un simple pisa papeis”, apunta.

Antonio Ameijide pon varios exemplos para apoiar as súas afirmacións. No referente ao carril bici que se está a implantar no barrio da Residencia pode comprobarse como o plan de mobilidade establece un proxecto de carril bici que vertebra toda a cidade, de norte a sur e de este a oeste, e non o plan proposto por Lara Méndez no que o 80% do trazado non aparece recollido no citado plan de mobilidade. Das 14 rúas polas que pasa o carril bici na Residencia, o plan de mobilidade so recomenda que pase por 3 das rúas que escolleu a alcaldesa, Ronda do Carme, Rúa Saúde e Rúa Orquídea, mentres que rúas como Azalea, Ameneiro ou Marqués de Ombreiro, entre moitas outras, non aparecen. É curioso, ademais, que un dos aspectos nos que fai fincapé o plan de mobilidade é en garantir as alternativas ao estacionamento nos barrios afectados, “xusto o contrario do que fixo a Alcaldesa”.

No referente ao transporte urbano, as liñas postas en marcha por Rubén Arroxo pouco ou nada teñen que ver coas recomendadas polo plan de mobilidade, o que ata pode supor que o goberno local perda unha subvención que outorga o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana para sufragar o custe que supón o transporte urbano.

Para optar a estas axudas que concede o Ministerio de Transporte, e que no caso de Lugo ascende a uns 150.000€ por ano, as entidades locais deberán dispoñer dun plan de mobilidade sostible e a realidade é que as liñas que agora funcionan no municipio non se corresponden con esas directrices, que son as marcadas polo plan municipal. “A Méndez nin a Arroxo lles gusta o pasado das súas formacións xa que non lles tremeu o pulso para romper o consenso de 2014 e renunciar a un plan estudiado para o transporte e para acadar unha mobilidade global en Lugo, sen importarlles o risco de perder subvencións”, sinalou.

Por último, Ameijide fai referencia ás peonalizacións e os cambios de sentido do tráfico en diferentes rúas nos barrios da cidade que, segundo o visto nas últimas semanas, semella que responde a unha disputa Méndez-Arroxo máis que a un plan estudiado para mellorar a mobilidade. “Está claro que asistimos ao desenvolvemento de propostas partidistas absolutamente improvisadas que o que provocan é o caos na circulación e problemas de aparcamento que indignan aos cidadáns”, afirmou.

Leave a Reply

5 × four =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies