Seguridade

O PP defenderá as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e pedirá ao pleno que solicite a retirada da modificación da Lei de Seguridade Cidadá

By 8 Decembro, 2021Sin comentarios

Ramón Carballo sinala que é fundamental defender o principio de autoridade que a actual lexislación asegura ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado xa que coa reforma que queren levar adiante tanto PSOE como Unidas Podemos deixase aos axentes totalmente desprotexidos

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo defenderá no vindeiro pleno unha iniciativa que busca a defensa das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, algo que agora está en dúbida ante a reforma que o Goberno Central quere realizar da Lei de Seguridade Cidadá.

O voceiro municipal popular, Ramón Carballo, explica que dende o PP búscase o mantemento da dignidade, intimidade e o principio de autoridade que a actual lexislación asegura ás FCSE, sen esquecer que é fundamental que dispoñan dos medios materiais adecuados para o desempeño do seu labor. “Ante esta situación pediremos o apoio do pleno para solicitar a retirada de calquera iniciativa de modificación a Lei de Seguridade Cidadá nos termos anunciados polo executivo de Pedro Sánchez”, sinalou.

Os concelleiros populares mantiveron unha xuntanza con representantes sindicais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, unha reunión na que se abordou a situación na que quedarán o axentes coa reforma que queren levar adiante tanto PSOE coma Unidas Podemos, coa complicidade de todos os grupos que os apoian no goberno central, sen esquecer todas as necesidades que estes corpos teñen no seu traballo diario.

Recorda Ramón Carballo que a Lei da Seguridade Cidadá, aprobada durante un goberno do Partido Popular, cumpre cunha finalidade esencial para o conxunto da sociedade: crear un marco xurídico adecuado para protexer a seguridade cidadá e garantir o libre exercicio de dereitos e liberdades. “Vemos como este marco lexislativo non gusta nin a PSOE nin Podemos xa que acordaron modificala”, explicou.

A actual Lei de Seguridade Cidadá foi consecuencia dunha reforma necesaria, conveniente e oportuna que deu resposta a unha demanda de amplos sectores da sociedade e, en concreto, das Forzas e Corpos de Seguridade. Naquel momento, España contaba cunha lei do ano 1992 e que, tras 23 anos, estaba desbordada e necesitaba unha revisión para dar unha mellor protección das liberdades e para ofrecer unha resposta apropiada a certos actos que quedaban impunes ou a necesidade dunha mellor cobertura e seguridade para as Forzas e Corpos de Seguridade.

Con ela apostouse por dar maior protección ao dereito á reunión e manifestación pacífica e sancionar mellor e de forma máis proporcional. Ademais, introduciu unha modificación moi importante, xa que quedaron suprimidas as faltas, que pasaron a ser ‘infraccións administrativas’ ou ‘delitos leves’. Isto significou que moitos comportamentos que antes estaban contemplados como faltas coa súa correspondente sanción, pasaron a selo só no ámbito administrativo.

Coa Lei de Seguridade Cidadá “de ningún xeito restrinxíronse os dereitos de reunión, manifestación e folga, nin outorgou á policía un poder excesivo, como dende o PSOE, Podemos e os seus socios habituais queren facernos crer, senón que creou un marco adecuado para o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade”.

A aplicación desta Lei foi fundamental para a posta en marcha de medidas de control para evitar a extensión da pandemia da covid e de feito foi utilizada de forma habitual polo Goberno de Pedro Sánchez. “Os ataques a esta Lei estiveron baseados en criterios puramente de desgaste político, con argumentos de manual partidista”, sinalou.

Por último, Ramón Carballo recorda que a Lei de Seguridade Cidadá é plenamente constitucional e así o confirmou a sentenza do 19 de novembro de 2020 do Tribunal Constitucional, que rexeitou con contundencia os argumentos xurídicos que entón expuxo a oposición.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies