Economía

O PP vota contra o pago “arbitrario e sen comprobar” de 4.200 facturas

By 23 Febreiro, 2017Sin comentarios

 Jaime Castiñeira considera “unha temeridade” que PSOE e Lugonovo intentasen respaldar “co seu voto a favor e a súa abstención” abonar milleiros de facturas ás que o interventor municipal opuxo reparos de legalidade por diversas causas

Os nove concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular votaron no pleno desta mañá en contra do pago “arbitrario e sen comprobar” das 4.200 facturas que conformaban o expediente extraxudicial de crédito que o goberno local elevou a pleno.

Durante a súa intervención, Jaime Castiñeira asegurou que “a acumulación de facturas por preto de dous millóns de euros sen pagar dende exercicios anteriores débese fundamentalmente ao progresivo desmantelamento dos servizos públicos que foron acometendo os gobernos socialistas ao longo dos últimos 18 anos, en departamentos como o de Augas, dos Servizos Electromecánicos… ata o de Actas, entre outros”. “E iso quen o fixeron foron gobernos que presumen de progresistas, acompañados dos necesarios socios colaboradores que tiveron e que seguen a ter neste momento, como BNG e Lugonovo”, argumentou.

O voceiro popular considerou “unha temeridade” que PSOE e Lugonovo intentasen respaldar “co seu voto a favor e a súa abstención, respectivamente” que se abonasen milleiros de facturas ás que o interventor municipal opuxo reparos de legalidade por diversas circunstancias, como que non está acreditada a prestación efectiva do suministro, que se aprecia a omisión de trámites esenciais na execución dos investimentos, que se detecta a omisión do procedemento de contratación axeitado ou a ausencia do soporte documental axeitado ou a omisión de trámites esenciais consistente na omisión de verificación previa da existencia de crédito suficiente e axeitado. “Con esas advertencias reiteradas e que se producen con tanta frecuencia por parte deste técnico, os socialistas que non conten co noso apoio para esta parafernalia”, sinalou, ao tempo que advertiu á alcaldesa das consecuencias que pode ter que ela “levante” cun decreto e recoñeceu a “coherencia e sensatez” de BNG, Ciudadanos e ACE.

Paralelamente, o popular subliñou que “o xefe de servizo de Enxeñería leva moitos meses pedindo máis medios humanos e materiais para poder desbloquear os pagamentos”, xa que neste momento hai 5.000 facturas que están pendentes dos servizos eléctricos”. Nesa liña, reiterou que “cómpre implementar medidas de mellora no control e supervisión das minutas, tendo en contra que só de empresas de subministro eléctrico entran 7.200 ao ano, sen que na nova RPT se dea ningunha solución”.

Ao longo da súa argumentación, que comezou lembrando que o Concello multiplicou por seis a demora no período medio de pago a provedores (PMP) dende a chegada da alcaldesa ata converter a Lugo na cidade galega que peor paga e na terceira española que peor o fai, Castiñeira detallou que “unha proba do pouco en serio que se toma este goberno a xestión económica atópase en que no informe de Infraestruturas nin se cuantifica o importe, xa que aparece, literalmente, unha contía de XXXXXX euros”. “Se fora unha película daría bastante medo e sei que sona a chiste, pero é o que hai”, ironizou.

Por último, o voceiro popular insistiu en que “os provedores non teñen culpa, pero os lugueses menos e non temos por que pagar facturas sen comprobar nin con reparos de legalidade”, ao tempo que reclamou aos socialistas que “deixen de operar coa práctica sistemática de traballar con empresas cos contratos caducados e con adxudicacións irregulares”. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies