Zona ORA

O PP sinala que a suspensión da ORA podería prolongarse un ano segundo os informes técnicos

By 8 Setembro, 2015Xaneiro 11th, 2016Sin comentarios

Antonio Ameijide denuncia que “fronte aos oito meses sen zona azul que anunciou a alcaldesa, prazo que non aparece recollido en ningún documento, os técnicos municipais xa lle advertiron da imposibilidade de cumprir ese cronograma”

Antonio Ameijide sinalou esta mañá en rolda de prensa que a suspensión da ORA podería prolongarse durante máis dun ano, tal como advirte un informe técnico municipal do servizo de Enxeñería, no que se indica que serán precisos alomenos seis meses para que o contrato estea novamente en fase de licitación.

Nesa liña, Antonio Ameijide explicou que “a alcaldesa cando, desatendendo a opinión dos técnicos, anunciou a interrupción do servizo por oito meses, sabía perfectamente que estaba enganando aos lucenses”. Así, o edil popular detallou que esta “fraude” é dobre, xa que, por unha banda, este prazo “non aparece recollido en ningún documento” e, pola outra, “cando dixo publicamente que a ORA estaría restablecida en oito meses, era consciente de que non podería cumprir ese compromiso”.

Deste xeito, o responsable de Tráfico do PP matizou que, tras redactar a nova ordenanza da ORA, “da que, segundo parece, non se ten avanzado nin unha soa liña”, este documento terá que ser sometido a aprobación inicial do pleno, logo abrirase un período de alegacións, que rematará coa aprobación definitiva da ordenanza. “E a partir de entón aínda terán que redactar o prego de condicións que rexerá o servizo, aprobalo, publicalo nos boletíns oficiais correspondentes, con todos os prazos que conleva para a presentación de ofertas, valoración delas, adxudicación, sinatura do contrato…”, indicou Ameijide, para quen “é totalmente imposible que, tal como se comprometeu a alcaldesa, a situación poida estar totalmente resolta a final de ano”. “E que non se esqueza que a prepotencia coa que anunciou a suspensión non lle servirá para aprobar a ordenanza, xa que é un goberno en minoría que precisa dos outros grupos políticos, cos que nin sequera se sentou a reunirse”, asegurou.

Falta de avances.-

Así mesmo, Ameijide criticou a “total falta de avances” por parte do goberno municipal na cuestión da ORA, o que “deixa patente a súa incapacidade para dar alternativas e solucións”. “Todo isto por unha falta absoluta de vontade política dos socialistas e que, con moita probabilidade, provocará “o maior caos circulatorio coa volta á actividade escolar e en dependencias administrativas e xudiciais”, salientou o edil popular.  Nese senso, o popular advertiu que “non podemos esquecer que estamos a falar de modificar dúas ordenanzas, a que regula o sistema de estacionamento e a fiscal, na que se inclúen as tarifas, e que tamén haberá que modificar para incorporar cambios”.

Campaña de reunións con colectivos afectados.-

Por último, o edil popular tamén anunciou durante a súa comparecencia que o Grupo Municipal do Partido Popular iniciará coa Federación de Comercio unha campaña de reunións con colectivos para, ademais de recoller as propostas que estas entidades teñan en relación coa ORA, trasladarlles as iniciativas dos populares nesta materia, “que, como xa dixemos, pasan pola implantación dun sistema de control horario gratuíto para usuarios en certas zonas que, sen provocar que unha empresa privada se lucre, si garanta a rotación dos vehículos estacionados”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies