Zona rural

O PP reclama a reparación e reposición da sinalización en mal estado das 54 parroquias lucenses

By 11 Maio, 2016Sin comentarios

O concelleiro popular Manuel López  insta ao goberno local “a desenvolver un plan para mellorar o mantemento e a  información e dos sinais direccionais que hai nas interseccións de camiños así como que se revisen os carteis de localización inexistentes ou moi deteriorados dalgúns núcleos”

O Grupo Popular reclamou, en rolda de prensa, un plan municipal propio para mellorar a  sinalización das 54 parroquias de Lugo. O concelleiro Manuel López, logo de supervisar a situación da rede de indicadores, manifestou que “hai moitos deles que só necesitan unha limpeza, ou volver a anclalos porque caeron ou están tortos”. O popular explicou que, nestes casos, máis que investimentos astronómicos o que se necesita é ter un mínimo de interese primeiro, para detectar os que están danados e segundo, para enviar as brigadas para enderezalos e limpalos.

Dado que motu proprio o goberno local non está disposto a realizar o traballo os populares presentarán un rogo en Comisión para que se leve a cabo unha supervisión da sinalización no rural co obxecto de inventariar os indicadores que hai, especificando o seu estado de conservación de cara a  repoñer, nun prazo prudente, aqueles sinais  deficientes e colocar os que sexan necesarios onde non existen.  O concelleiro popular agarda que o goberno local atenda a esta petición “co obxecto de mellorar a seguridade na circulación polos 1.000 quilómetros das estradas do rural do Concello de Lugo ”.

O concelleiro popular afirmou que “outro dos problemas da falta de sinalización son as dificultades coas que se atopan taxis, ambulancias, correo ou repartidores para chegar alguns núcleos”. Manuel López explica que este é un asunto que preocupa no rural porque “agora que hai novas urbanizacións xa non se coñece, como antes, a todo o mundo e cada vez é mais complicado localizar as casas” e nese senso reclama ao goberno local unha maior sensibilidade con este tema.

O concelleiro popular, Manuel López, clasificou en tres apartados os problemas  detectados na rede de sinalización do rural:

  1. Sinalización en mal estado. Atopamos numerosas placas borradas de forma parcial ou completa, outras están rotas ou oxidadas o que dificulta a lectura das localizacións. Incluso hai algún sinal de stop que está tirado no chan oculto na maleza, “co risco engadido que supón em materia de seguridade vial”.
  2. Ausencia de sinais direccionais en interseccións. Son múltiples os casos de cruces sen sinalizar como por exemplo o de Recimil e Bóveda o de Labio ou Benade.
  3. Núcleos sen sinalizar.- Moitos lugares carecen de sinal de localización ou a que hai é ilexible.

O edil do PP anima aos socialistas a desenvolver este plan municipal propio co obxecto  de complementar os investimentos realizados por outras administracións, o último foi o que fixo a Xunta co proxecto para identificar con carteis informativos as 7 parroquias da ribeira alta do Miño. O programa autonómico beneficiou ás parroquias de Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai e San Lázaro de A Ponte.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies