Transporte urbano

O PP pide que se promova o uso do transporte urbano entre a mocidade

By 4 Setembro, 2016Setembro 6th, 2016Sin comentarios

 O vicevoceiro do Partido Popular, Antonio Ameijide, apunta que “xerar entre os máis novos o hábito de recorrer ao transporte público é unha fórmula de concienciación que, a curto e medio prazo, reduza o emprego do vehículo privado”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, pide ao goberno local que adopte unha campaña para promover o uso do transporte urbano entre a mocidade.

O popular considera que “xerar entre os máis novos o hábito de recorrer aos autobuses públicos é unha fórmula de concienciación que, a curto e medio prazo, reduza o emprego do vehículo privado para que Lugo se dirixa cara a un novo modelo de cidade máis amable e humano coas persoas e con menos presenza de automóbiles”. Nesa liña, Ameijide manifesta que “os grandes resultados comezan sempre por pequenos pasos e por avances que poden parecer, ao principio, menores”.

Entre estas propostas, “o primeiro paso que se debe dar é a gratuídade para os menores de 18 anos dos autobuses urbanos”, dando así continuídade á medida recentemente implantada pola Xunta de que o transporte metropolitano sexa de balde para os 200.000 menores de idade galegos. “Trátase, tamén, de que os socialistas asuman o financiamento deste servizo, dando cumprimento ao acordo plenario adoptado a instancias do Grupo Municipal do Partido Popular na sesión celebrada a finais de xuño”, apunta Ameijide, quen subliña que “se neste inicio do curso político os 15.000 mozos lugueses teñen que pagar o transporte público é polo capricho dos socialistas de desoír, outra vez máis, un acordo plenario”. “Que preferimos? Pagar por que os nosos autobuses vaian baleiros ou pagar por que os nosos nenos e adolescentes os usen?”, pregúntase o voceiro popular, que incide tamén en que “o retorno que tería no eido da mobilidade e no ámbito medioambiental sería moi interesante, a curto, medio e longo prazo”.

Paralelamente, Ameijide reclama que se implanten outras medidas como unha APP para móbiles que “ademais de dar información en tempo real dos percorridos dos autobuses tamén sirva para que os usuarios poidan simular traxectos e, deste xeito, familiarizalos coa rede”. “Do que se trata é de adoptar decisións estratéxicas a presente para que poidamos modelar unha mobilidade máis cómoda e sostible para os vindeiros anos”, subliña.

Por último, o responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal do Partido Popular tamén reitera a necesidade de que se active e se convoque a Comisión de mellora do transporte urbano aprobada, a iniciativa do PP, no pleno de febreiro deste ano, “e da que nada máis se volveu saber despois de que se reunise unha única vez”. 

 

Responder

five × 1 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies