O PP pide a unanimidade do pleno para a creación da comisión sobre o Garañón

By 29 Xullo, 2015Xaneiro 14th, 2016Urbanismo

Castiñeira explica que “o obxectivo é conseguir que se poidan demoler as torres do Garañón sen que custe un euro aos veciños”, para o que é “fundamental” que se antepoñan os intereses dos lucenses, “algo que o PSOE e o goberno local non poden garantir por ser os responsables”

O voceiro popular Jaime Castiñeira pediu esta mañá unanimidade ao pleno para a creación dunha comisión sobre o Garañón que garanta a defensa dos intereses dos lucenses ante a posible responsabilidade patrimonial do Concello derivada da sinatura do convenio e o desenvolvemento urbanístico da CS-5 e o seu entorno.

Tal como lembrou o popular, “o obxectivo último é que as torres do Parque se poidan demoler sen que isto lles custe un só euro a todos os veciños”, para o que resulta “fundamental” que se antepoñan os intereses dos lucenses, “algo que o PSOE e o goberno local non poden garantir por seren os responsables”. Nesa liña, expuxo que “tendo en conta o nivel e o grao de implicación dos concelleiros socialistas, como máximos culpables, isto non queda garantido”, tendo en conta que se pode producir un conflito de intereses evidente entre a defensa dos seus intereses particulares, como persoas que asinaron o convenio e todos os trámites urbanísticos, e os xerais de todos os lucenses. Ao mesmo tempo, tal como lembrou o popular, outro edil actual é familiar en primeiro grao doutro exconcelleiro que avalou todo o proceso, mentres que “o resto de concelleiros pertencen ao partido político responsable disto”.

Jaime Castiñeira sinalou que “mañá durante o debate da iniciativa do Partido Popular verase de que lado están os concelleiros dos outros cinco grupos municipais e que intereses defenden, se os dos lucenses ou ben os dun partido político concreto e incluso os seus persoais”, en referencia ao conflito de intereses que se pode producir entre aqueles que avalaron en todo o momento este proceso urbanístico e que continúan a ser edís. “Só se podería entender que votasen en contra desta proposta aqueles que non poñen por riba de todo os intereses xerais dos lucenses e, por iso, será algo que teñan que explicar”, afondou. O popular destacou que “en definitiva, estamos diante dunha oportunidade no primeiro pleno deste mandato para sentar as bases para dar solución ao problema que provocou o PSOE en 2005 e que, dende entón, viñemos arrastrando”.

Outras proposicións.-

No pleno de mañá, os populares tamén solicitarán do goberno municipal a actualización da ORCA (Ordenanza de Contaminación Acústica) a partir da elaboración dun mapa de ruídos, logo de que dende a aprobación inicial da última proposta do goberno socialista “non se dera ningún paso e nin sequera se respostaran ás alegacións que diferentes colectivos e particulares rexistraran a este documento”. Con esta proposición, os populares pretenden, ao mesmo tempo, que o Concello atenda a recomendación xudicial de actualizar este documento logo do conflito xurdido con respecto ao San Froilán.

Por último, os populares reclamarán que non se volvan producir peches dos centros sociais en fin de semana, para o que proporán ao pleno, ademais de unificar os horarios destas instalacións, que se adopten todas as medidas oportunas que eviten que esta situación se reproduza.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies