Zona ORA

O PP pide a devolución “de oficio” do abonado polos lucenses con tarxeta de residente da ORA

By 3 Agosto, 2015Xaneiro 14th, 2016Sin comentarios

O edil popular Antonio Ameijide solicita ao goberno municipal que proceda a reingresarlles aos veciños con autorización de estacionamento na zona azul “a parte proporcional ao servizo que non van ter, para non xerar agravios comparativos”

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide reclama ao goberno municipal que proceda “de oficio” á devolución da parte proporcional da ORA dende a súa anulación aos lugueses con tarxeta de residente nas rúas con zona azul.

Nesa liña, o responsable de Tráfico e Mobilidade explica que “tanto aqueles usuarios que teñan tramitado a tarxeta para un trimestre como para o ano enteiro, teñen dereito a que non se lles cobre un servizo que está anulado”. Deste xeito, Antonio Ameijide indica que “ademais de ser un agravio comparativo con respecto ao resto de usuarios, están a ser privados da reserva de espazo pola que pagaron ben para un trimestre ou ben para un ano enteiro”. “Que non lles pase como co recibo do lixo, do que aínda a día de hoxe segue sen devolve a parte correspondente aos días da folga, por máis que insistimos”, advirte. Así mesmo, o popular insta aos socialistas a, en caso de non aceptar a proposta do GMPP para facelo de oficio, “cando menos habilitar formularios-modelo na web municipal e tamén en papel no edificio administrativo, co obxectivo de facilitar este trámite aos lucenses”.

En calquera caso, Antonio Ameijide subliña que “estamos a falar das consecuencias que tivo unha decisión que pretendeu ser exclusivamente un golpe de efecto de cara á galería, sen avaliar as consecuencias que podería ter para o municipio e os seus veciños, como tamén é o feito de abrir as portas a que os 16 empregados da concesionaria poidan rematar denunciando ao Concello e acabar como persoal laboral do municipio”.

Máis información e apagado dos parquímetros.-

Por outra banda, os concelleiros populares tamén reclaman dos socialistas “máis información” da medida, “tanto para lucenses como para turistas”, polo que suxiren que, ademais do precintado con cinta de Policía Local, se incorporen notas informativas nos diferentes parquímetros do carácter temporal da medida. “Non todos os veciños teñen a obriga de revisar as distintas fotografías dunha alcaldesa que só se preocupa por coidar a súa imaxe, sen pensar nas consecuencias das súas decisións”, ironiza Antonio Ameijide, ao tempo que solicita o apagado dos dispositivos expendedores de tickets.

Polo demais, o popular reitera “o apoio do PP á suspensión do servizo”, pero con dúas diferenzas substanciais con respecto ao proceder do goberno socialista: por unha banda, con carácter “definitivo e non só temporal”; e, pola outra, “con prudencia, con todas as garantías e analizando todos os pasos a dar, en lugar de deixarse levar pola improvisación, como fixo a alcaldesa”. “É dicir, unha suspensión definitiva e ben feita e con medidas alternativas como a mellora do transporte urbano”, resume o popular. Por último, Antonio Ameijide reprocha aos socialistas “o tempo perdido”, posto que en febreiro de 2014 os populares reclamaron en pleno a suspensión da ORA, momento no que o PSOE votou en contra.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies