DeportesInfraestruturasTransparencia

O PP pide a comparecencia de Repetto en pleno para explicar os motivos de mentir nunha comisión oficial sobre a homologación da pista do Palomar

By 19 Outubro, 2021Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Óscar Poy acusa a Repetto de usar aos funcionarios municipais como escudo para non debater cara a cara ao dar orde de negar o acceso e copia ao expediente de obra e homologación do Palomar, solicitado polo PP o pasado 24 de setembro

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, pedirá a comparecencia en pleno de Mauricio Repetto para que explique os motivos de mentir nunha comisión oficial sobre a homologación da pista de baloncesto do Palomar e por negar o acceso a toda a documentación relacionada con esta obra.

Explica Óscar Poy que o pasado 23 de setembro, na comisión de Deportes, Ana Abelleira, concelleira Desenvolvemento Local e Emprego, afirmou, a preguntas do PP, que a pista de baloncesto do Palomar contaba coa homologación por parte da Federación Galega de Baloncesto, resposta dada por orde do responsable de Deportes, Mauricio Repetto. Un día despois desta comisión, o Grupo Municipal do PP solicitou acceso e copia á documentación das obras do Palomar para comprobar se efectivamente a homologación estaba vixente.

A resposta recibida foi que Óscar Poy tiña que estar hoxe, 19 de outubro, ás 08.30 horas para ver a documentación e recoller a copia, pero a realidade foi que só puido comprobar a documentación xa que Mauricio Repetto deu orde de boicotear calquera tipo de acceso a documentación e, por suposto, “negou que puidésemos levar calquera copia”.

Mauricio Repetto usou aos funcionarios municipais, non só aos do servizo de deportes, como escudo “para non debater cara a cara” xa que usou empregados públicos de diferentes servizos para non entregar a copia do expediente, primeiro alegando que ningún concelleiro podía levar copia dos documentos e, logo, tentando cobrarnos por esas copias. “A sorpresa foi maiúscula xa que nunca chegáramos a esta situación e cando nos ofrecemos a pagar as copias tamén se nos negou parte do expediente”, afirmou.

Pese a todo, Óscar Poy puido comprobar como hai un correo electrónico da Delegación lucense da Federación Galega de Baloncesto, do 21 de setembro, no que se informa ao Concello de Lugo que a pista de baloncesto do Palomar “non cumpre coa normativa establecida pola propia federación polo que non se pode homologar esta instalación para acoller partidos oficiais”, unha realidade denunciada polo propio Óscar Poy o pasado 24 de setembro e que hoxe puidemos verificar.

A realidade é que Mauricio Repetto opta pola táctica da avestruz, agochar a cabeza para non dar conta do seu traballo “ou mellor dito a súa total falta de traballo” e, o que é peor, “usar empregados públicos para agocharse”.

Ante esta situación, Óscar Poy reitera que se pedirá a comparecencia de Repetto en pleno para que explique esta e outras situacións que se están a dar na súa área de goberno “xa que non ten nin a mínima valentía de participar na comisión de deportes para tentar defender a súa nefasta xestión”.

Responder

18 + seventeen =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies