O PP pide a Arroxo que cando entren en vigor as novas liñas de bus tamén o fagan a gratuidade para menores, parados, xubilados e de transbordo

By 22 Maio, 2021Transporte urbano

Antonio Ameijide recorda que o pleno aprobou, a iniciativa do PP e cos votos a favor do BNG, a renovación do transporte urbano de Lugo, que incluía medidas como gratuidade para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas, persoas con escasos recursos e de transbordo, pero parece que o vicealcalde esqueceu esta parte do acordo agora que pisa moqueta

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pide a Rubén Arroxo que cumpra cos compromisos adquiridos e a renovación e posta en marcha das liñas de transporte urbano veña acompañada doutras medidas propostas polo Partido Popular e aprobadas en pleno.

No plano que Rubén Arroxo está a mandar ás casas dos lucenses, acompañado da súa foto, pode lerse claramente como os transbordos custarán entre 0,19 e 0,10€, pese a que hai un acordo plenario, a iniciativa do PP, e aprobado cos votos a favor do BNG, polo que o cambio de bus ten que ser gratuíto para toda a cidadanía. Un acordo no que tamén se aprobou a gratuidade para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e persoas con escasos recursos, “pero semella que Rubén Arroxo tivo máis empeño en enviar a súa foto aos lucenses que en pensar no mellor para fomentar o bus entre os lucenses”.

Antonio Ameijide tamén pide “un pouco de cabeza” a Arroxo e que recapacite na súa intención de poñer en marcha as liñas de inmediato, xusto no remate do curso escolar, o que está a xerar numerosas queixas entre pais e nais dos alumnos xa que non ven claro que bus teñen que coller agora e a hora á que pasa o mesmo. “Non cremos que pase nada por agardar 15 días a que remate o curso e deixar todo o verán para que a cidadanía se adapte ás novas liñas”, suxire.

Non esquece o concelleiro popular a falta dunha APP para planificar as rutas e coñecer en tempo real onde se atopan os buses. Polo momento, na páxina web do transporte urbano vemos como so teñen dispoñible a descarga dunha APP para un sistema operativo en concreto, marxinando aos cidadáns con outros dispositivos. Pero o máis curioso é que unha vez instalada esa APP, ao abrila volve directamente a mesma web dende a que se descargou a mesma. “Se as novas liñas entran en vigor en 10 días non sería lóxico que xa se puideran planificar rutas para que a cidadanía coñecera as novas rutas a empregar e os seus horarios?”, pregunta.

Antonio Ameijide pide a Rubén Arroxo “cabeza e altura de miras” e que deixe de pensar “en fotos e titulares”. A reforma do transporte urbano de Lugo é algo “moi necesario” polo que hai que dar os pasos de forma correcta para que os cidadáns se familiaricen co bus urbano, se animen a subir a el e así poidamos ter unha cidade con menos coches nas rúas e máis sostible. “Consideramos que unha vez entren en funcionamento as novas liñas o mellor será sentarse de novo para estudar as queixas, problemas que xurdan cos horarios e rutas e as suxestións dos cidadáns para poder dar un mellor servizo”, explicou.

Leave a Reply

19 − seventeen =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies