O PP pide a Arroxo a integración das liñas de bus en Google Maps e insiste en crear unha APP para ver as liñas en tempo real

By 5 Setembro, 2021Transporte urbano

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, explica que o seu grupo acudirá mañá á mesa de transporte coas ideas claras e as reivindicacións que, por desgracia, seguen a ser as mesmas desde hai varios anos, xa que “nin PSOE nin BNG quixeron escoitar o que nos levou a ter os problemas que temos”.

Neste senso, Antonio Ameijide pide a Arroxo que o Concello de Lugo solicite a integración das liñas de transporte urbano en Google Maps, unha aplicación que practicamente toda a poboación ten instalada no seu teléfono móbil, ante as reiteradas escusas do vicealcalde para poñer en marcha unha APP coa que poder ver as liñas en tempo real e planificar rutas. “É fundamental que calquera lucense ou turista poida planificar no seu teléfono as rutas en transporte urbano, pero semella que tanto Arroxo como Méndez queren seguir poñendo paos nas rodas”, apuntou.

Por suposto, no Grupo Municipal Popular non se esquecen de todas as eivas detectadas nas diferentes revisións realizadas, como aquelas aportadas polos veciños, algo para o que Ameijide recorda que se acudirá á mesa de transporte cun documento no que se expoñen todas as deficiencias detectadas en cada liña, así como outras achegas, recollidas nas ducias de xuntanzas mantidas polos populares cos veciños, que se exporán nesta xuntanza para que sexan valoradas.

Neste senso, Ameijide é coñecedor da dificultade de adaptar as liñas a todas as peticións da cidadanía, pero pon sobre a mesa diferentes vías para tentar minimizar as queixas e o malestar dos lucenses. Para os populares a gratuidade dos transbordos “é unha prioridade” polo que “neste eido a nosa postura non é negociable”. “Se queremos que a xente suba ao bus é o vexa como unha alternativa ao vehículo privado hai que garantir que poidan ir ao seu destino pagando un único billete”, afirmou.

E outras medidas que se deben de explorar son a gratuidade do servizo para menores de 18 anos, parados, xubilados e familias con escasos recursos.

A entrada en vigor das novas liñas de transporte urbano o pasado 1 de xuño xerou numerosas queixas entre a cidadanía xa que agora ven os lucenses como desprazamentos que antes podían facer no bus urbano agora son imposibles ou encareceron o seu custo xa que é preciso coller varios autobuses, polo que é imprescindible a creación dunha APP móbil para planificar rutas e poder ver en tempo real onde se atopan os autobuses.

 Dentro do documento de traballo do PP atopamos varios exemplos de posibles cambios:

 A liña 5 é un dos traxectos que máis queixas está a acumular por parte dos lucenses.

Esta liña está a acumular atrasos dende o primeiro día, nalgún momento de preto de 60 minutos, case unha volta completa. Estudando a súa frecuencia de paso e o número de paradas que ten que realizar cremos que debería de estudarse a posibilidade de reformular o percorrido acurtando o número de paradas, para poder cumprir cos horarios.

Facemos esta proposta xa que as liñas número 1 (1.1, 1.2, 1.3 e 1.4) teñen unha frecuencia de paso de 90 minutos e contan con 82 paradas as tres primeiras e 80 a número 4, mentres que a liña 5, cunha frecuencia de paso de 60 minutos ten que realizar 71 paradas.

Se estes datos tamén se comparan coa seguinte liña máis saturada de paradas, cunha frecuencia de paso de 60 minutos, vemos que ten 57 paradas (as liñas 2 e 3). Estes datos amosan as claras que a saturación de paradas é un dos principais causantes dos atrasos que acumula a liña 5, polo que sería necesario estudar unha reformulación do percorrido.

Por outra banda, son moitos os veciños que amosan o seu malestar porque agora non teñen a man unha liña de bus que os leve ao cemiterio. Antes a liña 2 unía a zona norte co cemiterio, mentres que agora hai unha liña cun percorrido máis curto que une A Ponte con Ramón Ferreiro.

Por este motivo, proporemos que se estude a posibilidade de que a liña 10 poida realizar unha volta completa á Ronda da Muralla antes de emprender camiño de novo ao cemiterio, para que os veciños afectados poidan coller este bus na Ronda.

 

Leave a Reply

two × five =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies