Urbanismo

O PP pedirá en pleno estudar a anulación do convenio do Garañón

By 13 Xaneiro, 2017Sin comentarios

 O voceiro popular Jaime Castiñeira explica que “o obxectivo ten que ser evitar unha indemnización millonaria derivada da xestión do PSOE nas Costas do Parque e tamén facer desaparecer as torres, recuperando a imaxe orixinal”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou esta mañá en rolda de prensa que trasladará ao vindeiro pleno do día 26 unha iniciativa para estudar a posibilidade de anular o convenio urbanístico do Garañón, “defendendo ao interese xeral e analizando ata o último resquicio de cada cláusula das que incorpora este documento”. “Tendo en conta que xa non se pode dar o obxecto fundamental deste convenio, que era o desenvolvemento urbanístico nuns prazos récord para garantir a edificabilidade lucrativa ao promotor, entendemos que pode haber posibilidades de anular o mesmo, en defensa do interese xeral”, apuntou.

Nesa liña, o popular explicou que “esta alternativa é unha das que vemos dende o PP para evitar unha indemnización millonaria derivada da xestión do PSOE nas Costas do Parque”, unha opción que os populares queren que se aborde no marco da comisión monográfica sobre O Garañón cuxa creación se aprobou no pleno de xullo de 2015 e a cuxa convocatoria “urxente e inmediata” instan á alcaldesa. “Non podemos perder de vista que temos un dobre obxectivo, que é o de facer desaparecer as torres recuperando a imaxe orixinal deste punto e, por suposto, evitar calquera compensación ao promotor”, asegurou.

Deste xeito, o popular incidiu na “conveniencia” de contratar servizos de asesoramento externo dos ámbitos xurídico e urbanístico para estudar as posibles solucións á situación creada no Garañón “coa premisa fundamental de impedir que se produza unha repercusión económica sobre as arcas municipais”. Este aspecto, que tamén figurará no acordo da proposición, complétase coa petición de analizar cal debe ser a intervención do Concello nos procesos xudiciais actualmente en marcha, incluíndo se convén presentar recurso ante o Supremo ou se é oportuno personarse en calquera dos procesos abertos, entre outras cuestións.

Parágrafo sentenza TSXG.-

Así mesmo, Jaime Castiñeira fixo fincapé en que un fragmento do razonamento xurídico da sentenza 00757/2016 emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia cuestiona a vixencia do PERI (Plan Especial de Reforma Interior) aprobado polo goberno socialista de acordo co devandito convenio, ao non contar con autorización da Xunta nin estar conforme á dereito, un argumento que para os populares “pode abrir un novo escenario”. En concreto, na resolución dise que en canto a que o PERI da Unidade de Actuación CS-5 está vixente, a súa aprobación non contou coa autorización da Administración demandada, e tampouco a súa conformidade de dereito foi declarada polos tribunais (…).

Finalmente, o voceiro popular incidiu “nas novas posibilidades que se abren nun dobre sentido e que cómpre aproveitar”, primeiro cos recentes cambios da normativa urbanística (incluíndo a nova Lei do Solo e o novo regulamento urbanístico) e segundo coa “minoría absoluta actual no Concello do PSOE”. “Agardamos que exista unha boa receptividade por parte do resto dos grupos políticos e incluso da propia alcaldesa, porque hai que buscar ata a máis mínima posibilidade”, concluíu. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies