Seguridade

O PP esixe ao goberno local actuacións urxentes para deter a espiral de roubos e violencia que se suceden, cada vez con máis frecuencia, en Lugo

By 24 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Antonio Ameijide explica que, tralos graves sucesos da madrugada do sábado ao domingo, moitos veciños da zona centro afirman “estar cansos e non poder máis” con este tipo de actos que comezan a sucederse todas as fins de semana, tendo como máximo expoñente a liorta desta fin de semana que rematou con feridos por arma branca

A deriva que está a tomar Lugo nos últimos meses chegou a un punto moi preocupante para toda a sociedade, xa que podemos pasar de ser esa cidade tranquila e amable de sempre, a ser un lugar no que os cidadáns camiñen con medo polas rúas.

Unha reflexión que fan os populares despois de coñecer o terrible suceso que tivo lugar na madrugada do sábado ao domingo no entorno da catedral de Lugo, unha “batalla campal” que rematou, polo menos, cun ferido por arma branca.

Ante esta situación, o vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, insiste na necesidade de que o goberno local tome cartas no asunto e se poña a traballar para tentar paliar esta situación, solucións que poderían pasar “pola instalación de cámaras de videovixilancia e a tan demandada ordenanza de convivencia”, entre outras medidas, que poderían pasar por maior presenza policial nas zonas conflictivas ou onde se detecten incidencias deste tipo.

Antonio Ameijide explica que os relatos dos veciños, en relación ao suceso do sábado, “son arrepiantes e amosan a imaxe dun Lugo inseguro e deixado sen rumbo”. “Para nada queremos alarmar con esta situación, pero hai meses que vimos avisando de que a situación empeoraría e a realidade así o amosa”, lamentou.

Nas redes sociais circulan imaxes do sucedido a fin de semana e “é unha tristura no que se está convertendo Lugo”, ata o punto de que hai moitos veciños que afirman sentirse “inseguros”. “Hai zonas da cidade polas que a maioría dos lucenses prefiren non pasar, sobre todo a partir de determinadas horas”, afirmou.

Os populares urxen ao goberno local actuacións urxentes, xa que non pode permitirse que “vendan unha imaxe idílica de Lugo en Fitur, tentando conseguir que o casco histórico sexa Patrimonio da Humanidade, mentres ese casco histórico é un lugar no que os veciños teñen medo e incluso a xente nova non se atreve a saír pola noite por medo”.

O vicevoceiro popular explica que “para nada queremos causar alarmismo” porque iso suporía un dano terrible para o ocio nocturno e a hostalería, pero, por desgracia, “a realidade é a que é e o dano xa hai tempo que comezou a facerse e estamos chegando a un punto que pode ser de non retorno”.

Os populares insisten en que non se trata dun problema exclusivo da noite, xa que moitos veciños aluden roubos, moitos a xente nova, a plena luz do día, ameazas, extorsións, trapicheos… “unha situación moi preocupante para unha cidade como Lugo, historicamente tranquila”.

Por iso, Ameijide insiste nas medidas que pode tomar o goberno local, como as cámaras de videovixilancia e a ordenanza de civismo, ademais de seguir a reclamar ao goberno de Pedro Sánchez a creación en Lugo dunha unidade da UPR, que axudaría á prevención da delincuencia, así como o mantemento e, no seu caso, restablecemento da orde e a seguridade cidadá.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies