Transparencia

O PP denuncia que Lara Méndez e Rubén Arroxo deixan a Lugo na cola das cidades galegas en materia de transparencia

By 28 Novembro, 2022Sin comentarios

Ramón Carballo explica que o Concello de Lugo obtén a peor puntuación das catro capitais de provincia de Galicia, no que se refire a transparencia, segundo o informe elaborado por Dyntra, unha plataforma colaborativa que traballa na medición e xestión do goberno aberto nas organizacións e para a Sociedade Civil

Lara Méndez e Rubén Arroxo volven a suspender en materia de transparencia, unha situación “moi preocupante” para o voceiro do Grupo Municipal Popular, Ramón Carballo, que afirma que o informe realizado por Dyntra deixa en moi mal lugar ao Concello de Lugo coma institución.

Para Carballo estes resultados son “moi negativos” sobre todo para unha institución pública que, segundo Lara Méndez e Rubén Arroxo, “é transparente e aberta á cidadanía”. Porque os datos deste informe acreditan como Lugo empeora en materia de transparencia, baixando un posto no ránking das 50 capitais avaliadas xa que ocupa o posto 38 de 50, cando en 2019 Lugo estaba no posto 37.

No informe que realizou Dyntra, unha plataforma colaborativa que traballa na medición e xestión do goberno aberto bas organizacións e para a sociedade civil, o Concello de Lugo só obtén unha puntuación do 50%, uns resultados “decepcionantes” e moi afastados dunha administración que “non ten nada que agochar”. O popular explica que este informe valora 162 indicadores pero que, no caso de Lugo, só puido testar 81, xa que dos outros 81 valores restantes non se puido obter dato algún por mor “da falta alarmante de transparencia” que caracteriza a xestión deste bigoberno local.

Para Carballo que Lugo se sitúe no posto 38 de 50 “é preocupante”, pero aínda o é máis o feito de que o Lugo sexa a capital de provincia de Galicia que obtén unha peor puntuación (A Coruña 61,73%, Pontevedra 59,88% e Ourense 51,85%). “Queda claro que Lara Méndez e Rubén Arroxo suspenden en materia de transparencia e xestión municipal”, afirmou.

Segundo este estudo hai datos fundamentais que non se publican por parte do equipo de goberno, como son a axenda da alcaldesa, non se reflicten os gastos de viaxe orixinados polo goberno local, non exista un mapa de redes sociais do Concello de Lugo ou que non se xustifique o currículum vítae da alcaldesa.

Outro dos datos que deixa en evidencia a falta de transparencia do goberno local é que non se publican as modificacións dos proxectos das obras máis importantes; non se publica información algunha sobre concorrentes, ofertas e resolucións ou que non existe ningunha ferramenta ou visor que permita coñecer as obras e infraestruturas realizadas, así como datos sobre o estado, orzamento e evolución das mesmas.

Neste informe tamén se denuncia a ausencia dun plan estratéxico de igualdade de xénero, en base á Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

“Tiñamos a impresión de que non se podía ser menos transparente que no anterior mandato de Lara Méndez, pero vemos como a unión de PSOE e BNG pode deixar en peor lugar a imaxe do Concello de Lugo, non sabemos se para acadar un novo récord negativo en materia de transparencia”, explicou o voceiro popular.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies