Economía

O PP denuncia pagos por 10 millóns de euros a 10 empresas sen contrato en 2014

By 7 Outubro, 2015Xaneiro 12th, 2016Sin comentarios

Castiñeira critica que “os lucenses estamos a pagar prezos máis elevados por servizos” pola “teima” dos gobernos socialistas de non sacar de novo a concurso público os contratos caducados e cifra en 2,5 millóns de euros o aforro perdido o ano pasado

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, denunciou esta mañá en rolda de prensa pagos do Concello en 2014 por importe de case 10 millóns de euros a un total de 10 empresas privadas sen contrato en vigor, tal como pon de manifesto o informe de Intervención que acompaña á Conta Xeral de 2014 e que foi presentado na Comisión Especial de Contas desta mañá previa ao pleno extraordinario do vindeiro martes 13 de outubro.

En opinión do voceiro popular, este informe “confirma claramente o que levamos dicindo dende hai anos”, ao tempo que Castiñeira cualifica de “escandalosa” a cifra acadada o ano anterior, e que supón que se pagan unha media de máis de 27.000 euros diarios nestas circunstancias.

Así mesmo, o popular incidiu en que “non estamos só a falar da obriga legal que ten o Concello de ter contratos en vigor que respalden eses pagos”, como lembra no seu informe o Interventor, “senón que previsiblemente aforrariamos moito diñeiro” froito da licitación dos correspondentes servizos. Deste xeito, aplicando unha rebaixa media dun 20 ou 30% respecto do prezo actual do contrato, “podemos cifrar en, como mínimo, 2,5 millóns de euros o importe que só en 2014 tirou, malgastou e derrochou o goberno socialista”. “E tendo en conta que a situación económica comeza a mellorar, é posible que xa non poidamos obter prezos tan vantaxosos como se poderían ter acadado anos anteriores”, destacou Castiñeira.

Nesa liña, Jaime Castiñeira incidiu en que “o tempo demostrará que temos razón, se é que algún día a nova alcaldesa é capaz de sacar adiante todos estes contratos”, posto que “é indubidable que estamos a pagar prezos moito máis elevados do que corresponde”. Ademais, o voceiro popular fixo fincapé na situación do ciclo da auga, na que a empresa que se ocupa da xestión da depuradora e da potabilizadora leva facturando sen contrato dende hai case catro anos e máis de catro anos e medio, respectivamente. A ese respecto, indicou que “cando o goberno fala de que a auga ten déficit, o que debera dicir é que no Concello de Lugo hai un déficit de gobernabilidade, que supón que teñamos que pagar por este servizo máis do que custa”.

Segundo o informe de intervención, ao longo de 2014 interpuxéronse reparos de legalidade por doce servizos, e entre eles, atópanse tres das catro empresas que máis lle facturan ás arcas municipais (a que se ocupa da depuradora e a potabilizadora, a do transporte público e a da iluminación), xa que o Concello lévalles pagado dende que caducaron os seus contratos 5.515.122,36 euros á da potabilizadora, 5.490.748,23 euros á da depuradora, 2.853.608,61 euros á do transporte público e 1.908.226,86 euros á da iluminación pública.

Por último, o popular anunciou durante a súa comparecencia que “igual que fixemos coa ORA, iniciaremos e promoveremos todas as iniciativas que sexan necesarias para que canto antes se contraten os servizos”. Nesa liña, apuntou que “seguiremos falando cos outros grupos da oposición para instar ao goberno a que traballe nesta materia e que adopte todas as medidas precisas para legalizar a situación”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies