Zona rural

O PP denuncia irregularidades na execución de dúas obras na zona rural

By 17 Outubro, 2015Xaneiro 12th, 2016Sin comentarios

O edil popular Manuel López critica que intervencións en Esperante e Santa Eulalia de Bóveda se realizasen “ou ben sen persoal de coordinación de seguridade e saúde ou ben este traballador exerceu sen contrato co Concello de Lugo”

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Manuel López denuncia irregularidades na execución de dúas obras de rexeneración de firme de pistas da zona rural do Concello de Lugo.

Trátase, en concreto, das pistas que van do Hospital de Calde ao núcleo de A Travesa (na parroquia de Esperante) e da que vai de Vilanova a Cabanas, ambos os dous lugares da parroquia de Santa Eulalia de Bóveda, “que foron realizadas sen que existise o preceptivo contrato de coordinación de seguridade e saúde”.

Nesa liña, o popular detalla que “o certo é que a mediados de setembro puidemos comprobar persoalmente que ambas as dúas actuacións se estaban executando” e, de feito, o día 22 de setembro (data de visita ás pistas) xa levaban varios días de traballo. “O único que lles faltaba cando comezou este mes de outubro era pintalas”, indica López.

Pola contra, o contrato de coordinación de seguridade e saúde destas dúas intervencións non foi elevado a proposta de gasto ata o venres día 2 de outubro, “cando as obras estaban xa rematadas”, mentres que o servizo de Intervención non puido autorizar o investimento ata o 7 de outubro. “Evidentemente, non é algo imputable aos funcionarios senón á dirección política da área”, salienta o edil popular responsable de Zona Rural, quen incidiu en que “unha de dúas: ou as obras se executaron sen o coordinador de seguridade e saúde esixido por lei ou alguén traballou sen contrato, pero en calquera caso estamos diante dunha grave irregularidade”.

Así mesmo, López asegura que se trata dunha “decisión premeditada” por parte do goberno municipal, xa que “non estamos diante dunha actuación imprevista ou urxente, senón que existiu todo un período previo no que se puideron ter contratado estes traballos de coordinación e seguridade”, posto que ambas as dúas estaban aprobadas no pleno de xuño de 2014 e co seu correspondente orzamento froito do acordo entre o PP e o PSOE para o investimento dos remanentes de tesourería de anos anteriores.

Por outra banda, salienta que “non é a primeira vez que nos atopamos diante dun caso de descoordinación e despropósito na zona rural en contratacións no que vai de mandato, posto que este mesmo verán a brigada de obras municipal foi quen se ocupou de tapar os baches da pista de Abol, en San Xoán do Campo, a Vilachá, en Ribas de Miño “cando xa estaba contratado o aglomerado en quente cunha empresa privada”.

Por último, o popular anuncia que pedirá explicacións por esta situación ao goberno municipal no vindeiro pleno “diante desta claras anomalías e de que non é a primeira vez que, en tan pouco tempo, ocorren irregularidades na contratación”. 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies