Turismo

O PP critica pagos de 450.000 euros sen contrato a Vendex pola xestión de museos

By 16 Outubro, 2015Xaneiro 12th, 2016Sin comentarios

A concelleira popular Encarna Amigo salienta que unha filial de Vendex leva case un ano cobrando do Concello sen contrato “co agravante de que é a terceira vez” que esta empresa ingresa diñeiro público “sen soporte contractual nin legal”

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Encarna Amigo critica pagos sen contrato por un importe de 450.000 euros á empresa Sermasa, filial de Vendex, pola xestión dos museos municipais e a información turística.

Tal como explica a popular, actualmente é a “terceira etapa” en cinco anos na que esta firma privada está cobrando das arcas municipais nesta situación “anómala e totalmente irregular”. Deste xeito, detalla que entre xuño de 2010 e marzo de 2012 Sermasa percibiu uns 280.000 euros públicos; contía á que hai que engadir os 50.000 euros da primavera de 2013 e os 120.000 euros que ingresou do Concello de Lugo dende novembro de 2014 ata o mes de xullo de 2015. “E a cifra seguirá incrementándose porque o contrato seguirá sen adxudicarse durante varios meses máis”, aclara Encarna Amigo.

Nesa liña, a edil de Turismo reprocha aos socialistas “xa non só que se prolongue tanto esta situación, incluso con tres etapas diferentes en tres contratos distintos, senón que sistematicamente se amose tanta permisividade con esta empresa en concreto”. “É a terceira vez en cinco anos que esta firma privada ingresa diñeiro público do Concello sen soporte contractual nin legal”, insiste, ao tempo que destaca que “nin con todas as sospeitas que espertou a Operación Pokemon, da que Vendex é o centro neurálxico, o goberno se molestou en regularizar a situación”.

Así mesmo, Amigo salienta que, de acordo coa memoria elaborada polo Concello para a creación dunha sociedade mixta de turismo, os sucesivos gobernos socialistas apostaron “teoricamente con carácter transitorio” pola contratación desta empresa dende o ano 2006. Así, a popular lembra que neste documento se incide na necesidade de substituír esta fórmula transitoria (en referencia ao contrato de servizos con Sermasa) polas seguintes razóns: a necesidade de dispór dun instrumento propio con carácter permanente por parte do Concello para deseñar e executar a política e actuacións turísticas, con criterios de política e interese xeral da cidade; e o encarecemento que supón a contratación destes servizos, xa que tan só a adición dos custes estruturais e marxe de beneficio, xunto co sobrecuste do IVE, encarecen de entrada o servizo nun 26%.

Por último, a edil popular asegura que “tendo en conta o custe medio mensual deste servizo, uns 14.500 euros, é seguro que esta empresa ingresará máis de medio millón de euros”, xa que “non só faltan por abonar os traballos xa realizados de agosto e setembro, senón tamén os dos vindeiros meses”, posto que “ata dentro de varios meses, coñecendo o ritmo de traballo do goberno actual, non estará adxudicado o novo contrato”. Nese senso, destaca que o prego de prescricións técnicas non estivo listo ata este mesmo martes 13 e subliña que neste momento aínda está pendente o prego de cláusulas administrativas particulares e os informes preceptivos de asesoría xurídica e intervención, previos á aprobación da licitación por parte da Xunta de Goberno e ao inicio do proceso de contratación. “En definitiva, a Vendex aínda lle quedan varios meses máis nesta situación alegal da que tanto o goberno de López Orozco como o da nova alcaldesa son corresponsables”, conclúe.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies