Obras

O PP denuncia goteiras no mercado de Abastos meses despois da súa apertura

By 23 Agosto, 2016Sin comentarios

 Ana López Pombo afirma que “ningún de nós consentiría na súa casa ou negocio particular que houbera goteiras despois de invertir, hai menos de dous anos, 340.000 euros en obras de reforma que incluíron a rehabilitación da cuberta”

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Ana López Pombo denuncia a aparición de goteiras no Mercado de Abastos.

Tal como explica a edil popular, logo das chuvias do venres pasado a auga caía con intensidade no centro do mercado, a carón dos postos e nun punto polo que teñen que pasar os compradores. “Os propios vendedores chegaron a dicirnos que chovía igual dentro que fóra”, apunta López Pombo, quen engade que esta situación provocou “non só que os usuarios e comerciantes deberan ir esquivando a auga senón tamén que tiveran o risco de esvarar e caer”.

“Ningún de nós consentiría na súa propia vivenda o no seu negocio que houbera goteiras despois de invertir hai menos de dous anos 341.106 euros nunha reforma integral que incluíu a rehabilitación da cuberta”, asegura López Pombo, ao tempo que subliña que “se este problema obedece a unha cuestión puntual como a rotura dunha tubería tampouco se comprende que o Concello de Lugo non intervira con rapidez para cortar a auga e así minimizar as molestias que ocasionou este incidente que se prolongou durante toda a mañá”.

Nesa liña, a concelleira popular incide en que “non só estamos a falar dos danos dende o punto de vista da imaxe tanto para os lugueses como os turistas nun día de mercado especialmente concorrido senón tamén do perigo de caídas ou de que os dispositivos eléctricos dos comerciantes se puideran avariar pola entrada de auga”.

“Estamos a falar dun día no que choveu con intensidade dende primeira hora da mañá”, puntualiza López, quen se pregunta que “se isto ocorreu con ocasión dunhas precipitacións puntuais, que non pasará no outono ou no inverno cando se produzan con maior frecuencia e intensidade”, polo que urxe aos socialistas a “canto antes, atallar o problema”.

Reforma do sotáno da Praza de Abastos.-

Por outra banda, López Pombo critica “de novo, a incertidume á que os socialistas condenan aos vendedores da Praza de Abastos” logo de que o goberno municipal afirmase publicamente que non podía garantir que a reforma do sótano da Praza, a terceira e última fase, puidera completarse este ano”. “O goberno municipal vive permanentemente tensando a corda cos usuarios e comerciantes da Praza de Abastos, aos que se castiga sistematicamente”, advirte.

Así mesmo, a popular pregúntalle aos socialistas “que teñen pensado facer, agora que se aproximan as épocas de chuvias, cos vendedores que habitualmente ofrecen os seus produtos no sótano da Praza de Abastos tendo en conta que os soportais do Mercado non teñen superficie para albergalos a todos e tendo en conta que nestes momentos xa se instalan ata a entrada da Praza da Soidade”. “Agardemos que a Praza da Soidade non se convirta ano tras ano nun lugar de acollida dos comerciantes afectados pola improvisación e a falta de planificación dos gobernos socialistas ao non realizar as obras nos tempos e prazos axeitados”, conclúe, en referencia á posibilidade de que o goberno municipal opte por instalar unha carpa para estes comerciantes do soto da Praza, como aconteceu en 2015 cos da primeira planta.  

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies