Infraestruturas

O PP critica o estado das inmediacións do estadio Anxo Carro

By 22 Agosto, 2016Sin comentarios

 Ameijide considera “lamentable” que “a cinco días de que se celebre o primeiro partido da tempada no estadio do CD Lugo o goberno municipal aínda non se preocupase de cuestións como o desbroce e limpeza das zonas verdes do entorno”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica o estado no que se atopan as inmediacións do estadio do Club Deportivo Lugo, o Anxo Carro.

Logo de ter recibido numerosas queixas de afeccionados do equipo e de ter realizado un chequeo na zona, os populares lamentan que “outro ano máis a estas alturas temos que denunciar o que xa é un clásico dos gobernos socialistas: a imaxe de abandono que presentan as zonas municipais próximas a este equipamento”. “O malestar veciñal vai medrando sen que os socialistas atendan ningunha das súas reivindicacións”, advirte.

Nesa liña, o vicevoceiro popular subliña que “o mellor expoñente do descoido reiterado e prolongado no tempo atopámolo nas zonas verdes, que  neste momento parecen máis unha selva que xardíns”. “Os socialistas desenténdese de algo tan sinxelo como do desbroce e limpeza das medianas e isletas”, afonda Ameijide, ao tempo que subliña que “este acondicionamento é o mínimo que cabe esixirlle ao goberno”.

Paso soterrado Anxo Carro.-

Por outra banda, o vicevoceiro popular incide novamente na necesidade de acondicionar os accesos ao paso soterrado da N-VI ao Anxo Carro, xa que “tanto a entrada como a saída a este punto atópanse nun estado moi deficiente”, malia a que o PP leva anos reclamando esta intervención, recollida tamén no plan de investimentos que en 2014 aprobaron PP e PSOE para o investimento dos remanentes de tesourería dos exercicios precedentes.

Así, Ameijide detalla que “o único que esiximos é que se cumpra o que xa está aprobado” e que consiste en que “máxime co custe económico tan reducido que ten a actuación” se acondicionen a entrada e a saída deste punto “tanto dende a entrada da cidade (ben dende A Cheda ou dende a Calzada da Ponte) como na saída cara ao Paseo do Miño e cara ao Pazo de Feiras e o Anxo Carro”.

Paralelamente, cómpre realizar o acondicionamento dos sendeiros cara a este estadio de fútbol dende a explanada cara ao Pazo de Feiras, para o que habería que estudar a posibilidade de dotalos de varandas e dun mellor pavimento. “Tanto no caso do paso soterrado como neste sendeiro, o peor non é o esvaradizos que se volven senón o risco de resbalóns e caídas que implican, ademais da evidente mellora de seguridade que promovería o feito de evitar a N-VI co perigo de atropelos que conleva”, asegura Ameijide, quen subliña que “esta intervención tan sinxela podería dar servizo ao Anxo Carro, ao Paseo do Miño e ao Pazo de Feiras e Exposicións”.

Por último, o vicevoceiro popular conclúe que “non só se trata de que deixemos unha boa imaxe aos seguidores doutros equipos senón tamén de que os lugueses poidamos ter en boas condicións este contorno”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies