EconomíaObras

O PP denuncia demoras de sete anos na tramitación de reclamacións veciñais

By 12 Marzo, 2017Sin comentarios

 O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, sinala que no último mes o Concello abordou 15 reclamacións de responsabilidade patrimonial “pendentes do período do 1 de febreiro de 2010 ao 23 de agosto de 2012”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que o goberno socialista está a condenar a ducias de veciños do municipio a agardar “varios anos” para remataren cobrando “unhas contías irrisorias para as arcas locais”.

Nesa liña, o popular explica que, “só no último mes”, a asesoría xurídica municipal rematou o proceso de 15 reclamacións por responsabilidade patrimonial pendentes “algunhas dende hai máis de sete anos”, dado que todas elas foran rexistradas perante o Concello entre o 1 de febreiro de 2010 e o 23 de agosto de 2012. “Hai casos que parecen sacados de Lara Méndez Today”, ironiza o vicevoceiro popular en referencia á indemnización que aprobou o Concello este xoves 9 de marzo por importe de 64 euros a raíz dunha reclamación presentada hai hoxe exactamente cinco anos polos danos que provocou nun vehículo unha tapa de rexistro solta na rúa Paseo Ponte de Vella.

Outro caso “singular e chamativo” en opinión de Antonio Ameijide é o da dobre compensación que percibe unha afectada por filtracións de auga na súa vivenda na rúa San Eufrasio. Esta veciña presenta unha primeira reclamación no Concello o 1 de febreiro de 2010 e outra o 28 de decembro dese mesmo ano, aínda que ata o 21 de febreiro de 2017 non se lle recoñeceron as indemnizacións por importe de 266,80 e 497,96 euros, respectivamente.

En canto aos temas que motivaron este conxunto de reclamacións o máis frecuente ten que ver cos danos en inmobles (que concentran o 40% dos casos), seguido dos relacionados con prexuízos en vehículos (26,7%) e con caídas na vía pública (20%), mentres que o resto se corresponden con outros conceptos (ver anexo 1).

En opinión do vicevoceiro popular, estas demoras “inxustificadas” demostran, unha vez máis, “a dobre moral dun goberno municipal que lle pretende pagar ás multinacionais centos de milleiros de euros sen revisar sequera as súas facturas (en referencia ao intento de que a oposición validase no último pleno facturas por preto de 2 millóns de euros que non contaban con informes favorables) mentres que non se para en importes mínimos para os veciños de a pé”.

Por último, o vicevoceiro popular lamenta que “os lucenses pagan dobremente as consecuencias dos sucesivos gobernos socialistas, empeñados en desmantelar os servizos públicos municipais”, xa que “non só ven deterioradas as súas condicións de vida senón que, ademais, tampouco atenden en prazo as reclamacións dos lucenses”. “E moito nos tememos que estes casos non sexan máis que a punta do iceberg”, advirte Antonio Ameijide, ao tempo que anuncia que pedirá ao goberno que informe de cantas reclamacións ten pendentes a día de hoxe.

 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies