Tráfico

O PP critica que a alcaldesa incumpra o 89% dos seus acordos plenarios

By 27 Xaneiro, 2017Sin comentarios

 O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, denuncia que das 44 proposicións aprobadas dende o inicio do mandato a iniciativa do PP “só dúas se executaron e noutras tres se deron avances mínimos, mentres que o goberno non abordou as 39 restantes”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, criticou esta mañá que a alcaldesa leve incumpridos o 89% dos acordos plenarios aprobados a iniciativa desta forza política dende o inicio do mandato.

Tal como explicou o popular ao remate da Comisión Permanente para o Seguimento e Cumprimento dos Acordos Plenarios Aprobados celebrada hoxe, das 47 proposicións que o PP leva trasladado dende xullo de 2015, 44 foron aprobadas. “Pero a realidade demostra que quedan en papel mollado, porque en 39 delas a alcaldesa e o equipo de goberno non deron nin o máis mínimo paso”, apuntou Ameijide. Nesa liña, detallou que das cinco restantes só cumpriron dúas (a reiterada en setembro de 2015 para o desconto no recibo de lixo dos días en que, por mor da folga, non houbo este servizo; e a convocatoria da Comisión de Planeamento, aprobada en abril de 2016 pero que non se celebrou ata o 1 de decembro dese ano), mentres que nas outras tres atenderon parcialmente ao que se pedía: a elaboración da nova Relación de Postos de Traballo (en trámite e pendente da súa aprobación), o abastecemento da parroquia de Orbazai (en proceso de licitación pero aínda non executada) e o plan de tráfico de A Ponte (axilizouse a actuación na rúa Fermín Rivera pero non se interviu nas interseccións conflitivas do barrio).

O vicevoceiro popular afirmou que “no paupérrimo balance da alcaldesa” atópanse acordos como o da creación dun plan específico de intervención contra os gorrillas, “que o PP promoveu en pleno en outubro de 2013 reiterou en maio de 2016 e que os propios Policías Locais reclaman por escrito”. “Se os axentes tiveran esta ferramenta para combater esta actividade, probablemente non teriamos que ver día si e día tamén conflitos e incidentes nos medios de comunicación en relación a eles no entorno do HULA e parece que mesmo ultimamente tamén na zona do Club Fluvial”, destacou. “Pero o que acontece cos gorrillas non é algo que non pase tamén como coa posta en marcha dun sistema de control do estacionamento gratuíto, municipal e xestionado dende o Concello para reemprazar a ORA, a creación dun leiraparking fronte ao HULA recuperando a subvención prometida pola Deputación Provincial para esa intervención, a gratuídade do transporte urbano para menores a imitación do que fai a Xunta de Galicia, o desdobramento e iluminación de Duquesa de Lugo ou consensuar e contribuír ao equipamento do novo auditorio”, asegurou.

Diante desta situación, o vicevoceiro popular reclamoulle á alcaldesa que asuma “dunha vez” a “minoría absoluta” coa que goberna e que amose “unha mínima vontade democrática para cumprir os acordos plenarios, gústenlle ou non”. “Por non facer, nin sequera atenderon a ampla maioría das 23 que se aprobaron por unanimidade, por tanto co visto e prace do grupo socialista, como a entrega dos títulos de propiedade das súas vivendas aos veciños da Croa ou os ascensores do Sagrado Corazón e das Fontiñas”, exemplificou, ao tempo que reivindicou “maior rigor” na elaboración dos documentos “xa que non se pode indicar que se atopan finalizados cando nin sequera se iniciaron nin tampouco se poden facer desaparecer acordos plenarios, como se aprecia na documentación”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies