O PP critica o desinterese do goberno local no Antonio Gandoy ao non preocuparse das súas deficiencias e de que a adxudicataria cumpra as súas obrigas

By 27 Novembro, 2020Servizos sociais

A concelleira do Grupo Municipal do PP Macamen López Silva explica que, a piques de cumprirse o primeiro ano coa nova empresa xestionando o servizo, as necesidades e deficiencias coas que teñen que lidiar os traballadores son case as mesmas, chegando ao punto de que non se cumpren coas obrigas contraídas no contrato, como a posta en funcionamento dunha terceira furgoneta para o traslado dos usuarios deste centro de día

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Macamen López Silva, critica a “deficiente” xestión que o goberno local está a realizar sobre a concesión do centro de día Antonio Gandoy, unha instalación municipal que nos últimos anos está a ser protagonista negativo por todas as trabas que teñen que sortear cada día os empregados para poder atender en condicións aos usuarios deste centro de día.

Macamen López recorda que non é a primeira vez que temos que facer públicas as eivas coas que teñen que lidiar os traballadores deste centro de día, unha situación que semellaba se solucionaría coa entrada no servizo da nova empresa adxudicataria en xaneiro deste ano e, lonxe de ser así, empeorou durante este ano e máis coa actual situación de alerta sanitaria.

Unha das principais eivas que teñen que sortear agora os traballadores do Antonio Gandoy é non poder usar o ascensor que hai no edificio, porque este centro de día, a pesares de compartir edificio co centro social Maruja Mallo, está illados no seu interior, e so este último ten elevador nas súas instalacións. Coa situación sanitaria actual, víronse na obriga de empregar a planta superior do centro para os usuarios, e nesta planta situouse a sala de illamento que teñen a obriga ter nas instalacións para o caso de que algún usuario ou traballador presente síntomas compatibles coa Covid. O problema neste caso é que os usuarios, xente de avanzada idade, en moitas ocasións están en cadeira de rodas ou non teñen capacidade de subir as escaleiras, para chegar á sala de illamento “polo que o uso do ascensor é fundamental”, algo que o Concello de Lugo  prohibiu aos traballadores.

Unha situación de “abandono” por parte do goberno local que se traduce en que “non hai a mínima preocupación” porque se cumpran as condicións estipuladas no prego de contratación. Entre outras medidas, a empresa adxudicataria comprometeuse a aportar unha terceira furgoneta para o traslado dos usuarios ao centro e aos seus domicilios, vehículo que aínda hoxe segue sen poñerse a disposición dos traballadores, mentres o goberno local mira cara outro lado.

Pero tamén hai outras eivas importantes a ter en conta como que é necesaria a renovación de mobles e sofás debido ao gran deterioro que presentan, cambiar os estores, hai graves carencias de material de fisioterapia e, algo fundamental, como contar cun médico, segue sen concretarse. “Vemos como o abandono do goberno local dos últimos anos segue igual ou peor, xa que nin cumpren o que prometeron aos traballadores nin se preocupan porque a empresa concesionaria cumpra coas obrigas contraídas”, sinala.

Entre as carencias que presenta o Antonio Gandoy, hai algunhas que o Concello de Lugo, a través da concelleira responsable do servizo, se comprometeu a corrixir, pero que seguen igual ou peor. Urxe a limpeza exterior do centro, cheo de verdín o que fai do chan unha pista de patinaxe, e da terraza, chea de cristais. Non se arranxaron as deficiencias detectadas nunha inspección de Sanidade hai varios anos e, nin sequera, se acondiciona unha sala para que poidan gardar mobles e outros materiais, polo que teñen que facelo nun baño da planta baixa, polo que “quedou inutilizado”. Tampouco lles dan acceso a internet aos traballadores no primeiro andar das instalacións, onde teñen despachos, nin se poñen a súa disposición equipos informáticos, polo que todo o control dos usuarios teñen que realizalo cos seus ordenadores persoais.

Para Macamen López Silva a deriva na que o goberno local está a deixar o Antonio Gandoy é o mellor exemplo da súa falta de preocupación polos servizos sociais municipais, xa que non son capaces nin de limpar unha beirarrúa pegada a este centro nin de pintar e reservar prazas de estacionamento para os vehículos de transporte dos usuarios.

Leave a Reply

18 − 6 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies