Economía

O PP afirma que os orzamentos da alcaldesa “son aínda peores que os de Orozco”

By 25 Xaneiro, 2016Febreiro 4th, 2016Sin comentarios

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo Jaime Castiñeira asegura que “a proposta do goberno é a contraria á que fariamos calquera de nós para as nosas casas: reduce os investimentos e continúa a dispararse o gasto improdutivo”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que “da primeira valoración da proposta incompleta que nos facilitou o goberno a conclusión é clara: son uns orzamentos aínda peores que os que presentou López Orozco nos seus 16 anos”, xa que a previsión é “un despropósito e parece feita ao revés”.

Nese senso, Castiñeira asegurou que “o que o PSOE proxecta para o Concello de Lugo é o contrario do que fariamos calquera de nós para as nosas casas: reduce os investimentos municipais e continúa a dispararse o gasto corrente improdutivo”. Así, destacou que os investimentos caen nuns tres millóns de euros, mentres que os gastos diversos medran nun 50% ao pasar dos 3,1 millóns de euros previstos para 2015 ata os 4,8 millóns de euros contemplados para 2016. “Na práctica supón que o funcionamento ordinario do Concello, do día a día, practicamente xa se van uns 80 millóns de euros”, reflexionou Castiñeira, posto que a suma dos gastos de persoal e dos gastos correntes, así como partidas como a do transporte urbano ou a do pago a ACUAES polo convenio para a renovación das instalacións do ciclo da auga, así como o pago de gastos comprometidos en anteriores exercicios, como a escaleira de bombeiros, “nos deixan practicamente sen investimentos reais”.

Entre as partidas máis chamativas desta primeira análise, o popular aludiu no capítulo de ingresos á da recadación por sancións de tráfico, que se incrementan nun 10% (253.000 euros) ao pasar de 2,3 a 2,5 millóns de euros, polo que indicou que “se xa este ano eran desorbitadas e iamos moi por riba do previsto, para este ano 2016 parece que prevén que os lugueses nos convirtamos nos peores condutores de España”. Algo similar acontece coa partida de infracións urbanísticas, que sobe dos 130.000 aos 180.000 euros. “Pero sen dúbida a partida estrela é a dos gastos xurídicos e contenciosos, que medra dos 90.000 euros de 2011 aos 2.639.000 euros para o presente exercicio”, advertiu o popular.

Reunión “ordinaria” e “puro fume”.-

Así mesmo, Jaime Castiñeira cualificou de “puro fume” a reunión desta mañá e tildou de “incoherente” que o mesmo goberno municipal que lle esixe aos outros grupos da corporación concreción económica nas súas propostas sexa incapaz de entregar unha parte fundamental do orzamento “que é o plan de investimentos”. “Debeu de esfumarse dende a semana pasada, cando si llo deron ao BNG e Lugonovo”, ironizou o popular, ao tempo que afirmou que bota en falta “unha análise global das partidas grandes, que nos permita saber onde se poden reducir gastos improdutivos”.

Por último, Jaime Castiñeira tamén censurou que a alcaldesa escollera a xunta de voceiros como foro para presentar os orzamentos “en lugar de facelo na Comisión de Contas, como viña sendo habitual e lóxico, xa que é alí onde están os funcionarios expertos das áreas relacionadas como intervención ou tesourería”. “Fallan as formas e faltan á verdade, porque a reunión desta mañá non era extraordinaria senón que era a que celebramos cada mes antes do pleno”, concluíu.

Responder

four × five =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies