Obras

O PP acusa ao goberno de “pór en risco” catro obras municipais

By 23 Novembro, 2015Decembro 11th, 2015Sin comentarios

O voceiro popular Jaime Castiñeira asegura que “se perderon as partidas orzamentarias” para o cambio da rede de fibrocemento de Fontiñas, para a pavimentación da Ronda da Muralla e do entorno do Anxo Carro e para a iluminación de Recatelo.

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, acusou esta mañá en rolda de prensa ao goberno local de “pór en risco” os investimentos destinados a catro obras municipais ao non telas executadas e certificadas antes do remate de 2015.

Segundo detallou o popular, trátase da renovación do abastecemento na Ronda das Fontiñas co cambio da rede de fibrocemento na marxe do instituto, por importe de 315.000 euros; da pavimentación da Ronda da Muralla, prevista por 285.000 euros; a do entorno do Anxo Carro, para a que se destinan 56.000 euros; e a do alumeado de Recatelo, para a que se orzamentaban 130.000 euros. “Estamos a falar de catro actuacións moi demandadas polos lugueses e que o Grupo Municipal do Partido Popular conseguiu introducir no acordo de xuño de 2014 para o Plan de Investimentos con cargo aos remanentes de anos anteriores”, explicou Castiñeira, ao tempo que incidiu en que “se trata dunha dobre neglixencia reiterada, posto que os fondos cos que se ían financiar agora estes traballos xa procedían de diñeiro que anos atrás tamén quedara sen executar”.

Así mesmo, o voceiro popular cualificou de “totalmente incomprensible que en ano e medio non se contrataran nin licitaran estes contratos”, algo do que responsabilizou, “a partes iguais”, ao anterior goberno e ao actual. “Tiñan proxecto e orzamento, así que se non están realizadas é por culpa exclusivamente dos socialistas”, aseverou.

Amortización de débeda por lei.-

Por outra banda, o popular tamén criticou que o goberno municipal presuma de amortización de débeda “cando o certo é que o fai por imperativo legal dunha norma aprobada polo PP no goberno central que obriga a destinar os recursos económicos procedentes do superávit a saldar débeda cos bancos”. Así mesmo, insistiu en que se se chega a esta situación é “pola desidia, a apatía e a falta de xestión municipal total e absoluta do goberno anterior pero tamén do actual, porque nos seis meses que leva a alcaldesa estas obras poderían xa estar rematadas”.

“En resumo, ao millón de euros que o goberno socialista prevía amortizar hai que engadir estes fondos por culpa da falta de traballo do goberno”, resumiu Castiñeira, ao tempo que explicou que esta modificación orzamentaria se tratará no pleno deste xoves.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies