Castiñeira afirma que no ano e medio de Lara seguimos “á deriva, improvisando e perdendo oportunidades”

By 22 Decembro, 2016Sen categoría, Transparencia

O voceiro popular presentou, durante o Debate do Estado da Cidade, unha batería de propostas de modelo de cidade enmarcadas no programa Reactiva Lugo “situando como eixo desta intervención o parque periurbano Miño Rato e o trazado de itinerarios peonís que crucen o casco urbano de norte a sur e de este a oeste”

O voceiro do Grupo Popular Jaime Castiñeira cualificou esta tarde no Debate do Estado da Cidade de “tempo perdido e de seguir a deriva” en alusión ao ano e medio do equipo socialista do Concello de Lugo. O popular salientou que “cando un non sabe a onde ir é difícil chegar á meta” matizando que  “iso é o que lle pasa ao goberno de Lara, non ten un modelo de cidade e toma decisións a golpe de improvisación, perdendo oportunidades para situar a Lugo no lugar que merece”.

 No seu discurso Castiñeira puxo o acento na situación de desgoberno que hai no Concello onde “urxe unha reorganización e reestructuración dos servizos municipais”. “É preocupante que cada vez haxa máis desconfianza cara a administración local e motivos non lles fallan” aludindo “os 10 anos que levan agardando os veciños do Sagrado Corazón polo ascensor; os 17 anos para que o Concello entregue aos veciños da Croa as escrituras das súas vivendas; o ano e medio de media de espera por un vado; o ano para que os proxectos de obra maior pasen a primeira revisión ou os cheques sen fondos de emerxencia social”

O voceiro dos populares ironizou coa cantinela da alcaldesa de “culpar a Montoro ata da ausencia de campañas de desratización  en Lugo”. Castiñeira pediu autocrítica á alcaldesa xa que “o furor privatizador do seu antecesor, ao que vostede non puxo coto está pasando factura aos lucenses que pagan por servizos deficitarios como o da grúa”. Outra consecuencia da falta de xestión son as numerosas empresas que traballan para o Concello sen contrarto en vigor, así como o desmantelamento progresivo dalgúns servizos como o de augas e o electromecánico”. Castiñeira subliñou que “non pararon ata asfixiar a estes departamentos provocando o caos na lectura de contadores e os retrasos en pago de facturas que acabaron en cortes de luz en edificios públicos”.  “Aquí o que hai é un déficit de xestión e non un déficit económico” concluíu Castiñeira.

 Jaime Castiñeira incidiu esta tarde durante o Debate do Estado do Municipio na parálise na que está inmersa o  Concello de Lugo “con actuacións que un ano máis seguen pendentes”. “O novo modelo de transporte segue a ser un espexismo e tampouco chegan as solución saos problemas de aparcamento da cidade”, matizou.

Durante o seu discurso o popular tamén aludiu á falta de avances proxectos urbanísticos que seguen bloqueados. “Non sabemos nada do PEPRI, nin dos Plans Especiais de Ordenación de Núcleos Rurais,  nin do desenvolvemento de urbanizables como o do entorno do Hula ou a Louzaneta. E xa non digamos do eterno PXOM.  É sorprendente que descoñezamos as posibilidades para evitar que tengamos que asumir indemnizacións polas licenzas que concedeu o PSOE para a urbanización do Garañón. Se nos imos ao barrio da Piringalla alí segue oxidándose o esqueleto da prometida biblioteca; pasan os anos e nin ascensor do Sagrado Corazón, nin ascensor de Fontiñas e por nin que dicir sobre os retrasos que acumulan as obras do Plan Urban. Nin tan sequera foron capaces de adquirir nin un só metro cadrado para completar o parque urbano Miño Rato e xa vai para o seu terceiro verán e nada se sabe da prometida praia fluvial”.

O voceiro popular tamén presentou unha batería de propostas englobadas no programa “reactiva Lugo”  para que 2017 sexa un ano distinto. Os populares queren  achegar á cidade ao Miño e colocar o parque periurbano Miño Rato como  eixo de oportunidade e de actividade sociocultural para elo propoñen dar uso aos edificios abandonados polo goberno como a vella potabilizadora, a vella EDAR así como crear unha zona de multideporte no entorno da Feira Exposición, instalar bases para bicicletas. Tamén incidiu en deseñar intervencións que vinculen físicamente o casco urbano co Miño deseñando itinerarios peonís e carrís bici ao longo do municipio. A creación dunha rede de espazos verdes que contemplen non só os equipamentos existentes senon tamén o acondicionamento de parcelas municipais en desuso para o disfrute dos lucenses; impulsar intervencións que permitan usar dotacións públicas durante todo o ano (a cuberta da piscina exterior Frigsa, cobertura dos parque infantil de Augas Férreas e Agro do Rolo). A posta en valor do patrimonio lucense con proxectos de mellora ambiental no entorno da muralla e do camiño primitivo.  En materia de Servizos Sociais propoñemos un pacto contra a exclusión e a pobreza e un paquete de actuacións en materia de accesibilidade, maiores e dependencia.

Castiñeira rematou reclamando ao goberno socialista “prudencia para non arruinar o presente con decisións improvisadas e consenso  para encarar o futuro e conseguir que en 2017 haxa un cambio radical que devolva a confianza dos lucenses na administración más cercana”.

Leave a Reply

eight − 5 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies