O PP pide que non se cobre o lixo e a auga a autónomos e pemes afectados polo Covid 19

Os populares tamén reclaman exención ou descontos nas taxas por aproveitamentos especiais de vía pública xa que “é inxusto que os que teñen a rúa andamios, grúas, colectores para acopios de material … teñan que pagar por eles ainda que non os usasen por mor da paralización da actividade”

O PP solicita que non se cobre o recibo do lixo e auga dos meses que estemos en estado de alarma aos negocios, pemes e autónomos que tiveron que pechar ou que baixaron ata o 70% a súa facturación.

O vicevoceiro popular Antonio Ameijide lembrou que estas dúas taxas supoñen un desembolso trimestral que pode rondar, no que respecta ao lixo, entre os 213 de máximo que podería chegar a pagar un comercio aos 403 € de máximo que tería que pagar un hostaleiro. Canto ao recibo da auga o fixo trimestral para uso non doméstico é de 21 €.

Os populares tamén solicitarán eliminar o cobro das acometidas á rede de distribución de auga aos negocios e empresas que abran despois do estado de alarma que suponen un desembolso de 98,78 €.

O vicevoceiro popular lembrou como o grupo municipal xa intentou, durante a revisión de ordenanzas de taxas e prezos públicos, que se tivese en conta á hora de cobrar a retirada de residuos sólidos urbanos o tipo de negocio, así como se a empresa dispoñía dun sistema de xestión de residuos xa que “non é o mesmo volumen de lixo que xera un despacho de avogados de 50m2 que o que produce un supermercado de 500m2, ainda que ambos paguen exactamente o mesmo por este concepto”

Outra medida que se podería plantexar son exencións ou descontos nas taxas por aproveitamentos especiais de vía pública xa que “aquelas persoas que non puideron traballar e que teñen andamios, grúas, colectores para acopios de material … é inxusto que se lles cobre pola colocación destes elementos na rúa os días nos que estivo paralizada a actividade” matizou Ameijide.

Outras taxas nas que os populares suxiren que se estuden descontos é no Imposto de Bens Inmobles para empresas e particulares que sufrirán unha baixada de ingresos do 70%; así como na prestación do servizo de centro de día reclamando “que non se cobre a taxa aos usuarios que non están facendo uso deste servizo”.

Responder

nineteen − nine =