Economía

Aprobado un Plan de Aforro Enerxético Municipal malia o voto en contra do PSOE

By 27 Abril, 2017Sin comentarios

A eficiencia enerxética é un elemento imprescindible para a redución do consumo eléctrico xa que permite aforrar custos para os consumidores, ademais de beneficios en forma de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, mellora da calidade do aire e proporciona unha maior seguridade de subministración, competitividade e creación de emprego.

O Concello de Lugo dispón de autonomía e competencias que poden influír no uso racional da enerxía, pero para iso debe exercer un liderado que esixe un consenso político. Nese sentido e co fin de adoptar medidas axeitadas para reducir o consumo enerxético é imprescindible a elaboración dun Plan de Aforro Enerxético Municipal que contemple unha serie de accións que melloren a eficiencia enerxética de todas as instalacións municipais, dentro destas medidas sería preciso incluír.

Mellora do rendemento da iluminación pública da cidade, sen renunciar á calidade na iluminación, a través da substitución progresiva de todas as luminarias por tecnoloxía led ou pola máis eficiente posible, colocación de redutores de fluxo, para baixar a intensidade lumínica na vía pública en horas de pouco tránsito; estudar a posibilidade de impulsar o apagado por fases en diferentes zonas cidade con pouco tránsito (sempre garantido un mínimo de iluminación por motivos de seguridade); avaliar a implantación de detectores de presenza para regular a intensidade lumínica en función de se a rúa está sendo transitada por peóns ou vehículos; e sería interesante ter en conta a posibilidade de instalar en certos puntos luminarias alimentadas por enerxía fotovoltaica.

En canto aos edificios municipais é preciso actuar na maioría deles para lograr unha mellora na cualificación enerxética dos mesmos, o que se traduciría nun aforro económico en consumos enerxéticos e tamén nunha mellora na habitabilidade dos mesmos. Igualmente hai que apostar pola iluminación máis eficiente posible a través dunha progresiva  substitución de toda a iluminación pola tecnoloxía led ou outra de menor consumo, así como a mellora das fiestras e das portas que garantan unha maior eficiencia. Tamén sería conveniente un estudo e se procede cambios nos sistemas de climatización e caldeiras que permita actuar no aforro enerxético.

No tocante á rede semafórica que ten un consumo alto de enerxía, aínda que xa se substituíu unha boa parte das lámpadas por led, compre seguir nesa liña para chegar á substitución total no menor prazo de tempo posible.

Estas medidas, así como outras que se consideren oportunas, permitirán mellorar os niveis de iluminación, con repercusións en cuestións como a seguridade ou a imaxe da cidade, e ao mesmo tempo, conseguir beneficios ambientais e económicos.

Por todo elo o Grupo Municipal do Partido Popular considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE:

Instar ao Goberno Municipal a que elabore un Plan de Aforro Enerxético Municipal.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies