Economía

O PP ve “escandaloso” que o Concello pague “nun só día” 1,4 millóns de euros a empresas sen contrato

By 5 Abril, 2017Abril 18th, 2017Sin comentarios

 O voceiro popular Jaime Castiñeira destaca que as 41 facturas que a alcaldesa decidiu pagar onte “malia á oposición da intervención municipal” son a proba de que “se hai provedores e entidades sen cobrar é exclusivamente pola súa culpa”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, cualifica de “escandaloso” que a alcaldesa de Lugo aprobase onte o pago de 1,4 millóns de euros por servizos prestados por empresas sen contrato.

Castiñeira, que detalla que se trata de 41 facturas correspondentes a 23 servizos prestados por 16 empresas e distintas ás que o goberno local levou a pleno a semana pasada, afirma que “este pago demostra que se houbo, hai e haberá provedores que non cobran polos seus traballos é, en exclusiva, pola falta de xestión da alcaldesa” nun dobre senso: primeiro, porque estas actuacións non se amparan no preceptivo contrato en vigor; e segundo, porque se a situación non se corrixe é unicamente porque non existe vontade política por facelo.

“Polo tanto, cando a alcaldesa e a súa concelleira de Economía intentan trasladar a falsa sensación de que é culpa da oposición o único que fan é recoñecer a súa incapacidade de xestión e, o que é peor, o seu descoñecemento da administración local”, asegura, ao tempo que destaca que “nin sequera poden alegar que se trata dunha situación herdada”, posto que hai servizos que acaban de comezar a prestarse nestas circunstancias, como a xestión da Casa da Xuventude, a xesión da Casa da Música, a ampliación da garantía de máquinas das dependencias municipais ou ata as carrozas da cabalgata dos Reis Magos. “E, por suposto, volve aparecer a filial de Vendex que se ocupa dos museos sen contrato dende 2014, as plantas da potabilizadora e a depuradora sen vinculación dende 2011 e o da iluminación, sen contrato dende xullo de 2013”, asevera.

Así mesmo, Jaime Castiñeira apunta que, tendo en conta que no primeiro trimestre de 2017 se pagaron case 2.750.000 euros (en concreto, 2.749.690,43 euros logo dos 1.441.169,50 aprobados onte), “de seguir a este ritmo, ao remate do ano o Concello de Lugo pagará en torno a 17 millóns de euros por servizos sen contrato”, xa que dende este mesmo mes o servizo de recollida de lixo prestarase tamén sen ningún respaldo contractual por un importe estimado de 5,5 millóns de euros ata decembro. “Trátase dunha cifra tristemente récord á que nunca chegara o Concello de Lugo é que se acadará por mor da falta de xestión dunha alcaldesa que non quería selo”, subliña.

Implicacións legais dos levantamentos dos reparos.-

Por outra banda, o voceiro popular reitera as advertencias que xa formulou noutras ocasións en relación ás “posibles implicacións legais” que se poden derivar dos “levantamentos compulsivos” dos reparos de legalidade por parte da alcaldía. “Non se pode confundir este acto administrativo cunha regularización do servizo porque están nas antípodas”, explica Castiñeira, ao tempo que incide en que “ten unha xustificación moi difícil que algunhas multinacionais leven máis de seis anos cobrando nestas circunstancias totalmente irregulares”.

Nesa liña, Castiñeira anuncia que dará traslado á alcaldesa do informe que emitira o anterior secretario municipal logo dunha petición do Partido Popular no que se advertía da responsabilidade directa dos edís do goberno nesta práctica, que o alto funcionario consideraba historicamente enquistada neste Concello producida polos atrasos hiperburocráticos na tramitación dos expedientes. Práctica que excede, amplamente, os límites legais, contractuais e lóxicos. En todo caso, serán os concelleiros e concelleiras titulares das áreas respectivas e o persoal encargado da tramitación dos expedientes os e as responsables de que estes atrasos non se produzan. Non é xustificable a falta de previsión do Concello de Lugo para adxudicar un novo contrato antes de finalizar o anterior.

Por último, o voceiro popular sinala que vén de pedir acceso aos informes de Contratación de 31 de marzo e de 3 de abril de 2017, “isto é, de xusto despois do pleno”, aos que se alude nos decretos de onte “para comprobar se efectivamente houbo algún avance ou se, de novo, se falará da parálise total en relación a renovación destes contratos”. “Iso si, agardamos que nos permitan consultalos con maior dilixencia coa que tramitaron a petición da copia do escrito da alcaldesa de 14 de xullo de 2015 para a actualización dos valores catastrais, unha solicitude formulada hai máis dun mes (2 de marzo de 2017) e que retén deliberadamente a concelleira de Economía”, conclúe. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies