Economía

O PP ve á alcaldesa “cómplice” na grúa das prácticas de Orozco e Liñares

By 19 Maio, 2016Sin comentarios

 O voceiro popular Jaime Castiñeira afirma que “a pasividade da alcaldesa co servizo do guindastre ao longo de todo este ano convértea en cómplice política de todo o que se foi publicando nos medios sobre os presuntos subornos a cambio do contrato”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que “a alcaldesa é cómplice” no servizo do guindastre das prácticas de López Orozco e Fernández Liñares.

Deste xeito, o popular apuntou que “dende a última vez que o pleno aprobou a municipalización, en setembro de 2015, e despois doutros debates previos, como o promovido polo PP a comezos de 2014, a alcaldesa non moveu nin un dedo para poñer fin a unha situación sobre a que existían e existen moitas sospeitas e da que era perfectamente coñecedora”.

Polo tanto, “o que interpretamos é que a actuación da socialista neste asunto foi unha actitude medida ao milímetro e que a converte en cómplice política de todo o que os medios de comunicación foron publicando no Caso Pokémon en relación á maneira presuntamente ilícita, con subornos a cargos municipais incluídos, coa que obtivo o contrato”. “O do guindastre é unha materia máis onde a alcaldesa se alía coas prácticas dos que a precederon, demostrando que no goberno de Lugo só houbo un cambio de imaxes e de caras, pero non das políticas, como vimos onte tamén na aprobación dos orzamentos, que consolidan as eivas que provocaron os gobernos socialistas dende 1999 ao converter ao Concello na súa axencia de colocación particular”, opinou.

Ao mesmo tempo, Jaime Castiñeira tamén atribuíu ao “déficit democrático” do novo goberno socialista “que secuestra sistematicamente os plenos ao incumprir os acordos aos que neles se chega”, xa que “o da municipalización do guindastre non é un caso illado senón que se suma á non convocatoria da Comisión do Planeamento, á non creación da Comisión do Garañón ou á falta de avances na municipalización da ORA”. “No primeiro ano de mandato acumulánse máis proposicións incumpridas que cumpridas”, aseverou.

Así mesmo, o voceiro popular lembrou que “a alcaldesa, non contenta con permitir que a día de hoxe a empresa siga facturando como se nada sen contrato, xa tiña asinado o decreto para prorrogarlle o servizo incluso por máis tempo do que a firma privada solicitara e tiveron que ser os técnicos municipais os que, con moi bo criterio, frearan ese impulso da socialista”.

Ante esta situación, Jaime Castiñeira anunciou que “outra vez máis, e farémolo as que fagan falta, no pleno do vindeiro xoves debateremos sobre esta cuestión cunha proposición que, de novo, levaremos dende o PP para que á maior brevidade posible se inicie o expediente de municipalización do servizo do guindastre para asumilo directamente e con medios municipais, de xeito que se remate co burato económico que xa vai por máis de 5 millóns de euros”. “E non haberá manobra de última hora da alcaldesa que vaia impedir o debate, como a que fixo a mediados de marzo in extremis e a poucos días de que o pleno tratase esta cuestión a iniciativa do PP, xesto que non foi máis que un paripé para impedir o debate e, o que é peor, unha actuación para continuar a defender os intereses da empresa, en lugar de velar polos de todos os lugueses”, advertiu finalmente. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies