O PP urxe a Arroxo a non perder o tempo e a convocar con urxencia a mesa de transporte para buscar solucións aos problemas do bus urbano

By 30 Agosto, 2021Transporte urbano

O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide lamenta que o vicealcalde dedicase o verán a perder o tempo en liortas coa federación de veciños a través dos medios de comunicación en lugar de empregar esas semanas en convocar a mesa de transporte para buscar solucións aos problemas trasladados polos veciños e aos detectados polos populares para fomentar o acceso da cidadanía ao bus e para ter un transporte público máis atractivo

Seguen a pasar as semanas e a piques de que comece un novo curso escolar o vicealcalde de Lugo segue sen convocar a mesa de transporte que lle pediu o Grupo Municipal do Partido Popular hai dous meses, semanas que Rubén Arroxo dedicou a perder o tempo en liortas coa federación de veciños, unha estratexia dilatoria do vicealcalde que o único que conseguiu é que os problemas sigan na cidade e que se vexan agravados de novo cando os rapaces regresen ás aulas. “Urxe que o vicealcalde deixe a un lado esa posición dictatorial que tomou nas últimas semanas e se poña a escoitar aos veciños, algo que semella se lle esqueceu despois de deixar a moitos veciños sen servizo”, apuntou.

O popular tamén lanza unha pregunta Lara Méndez, xa que como alcaldesa é a máxima responsable de todo o que sucede no Concello de Lugo: “Pode a alcaldesa rachar o seu silencio e dicir se está de acordo co actual modelo de transporte público ou é partidaria de facer reformas nas liñas como piden os veciños e o Partido Popular”.

Unha circunstancia ante a que o vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, urxe a Rubén Arroxo a cumprir a súa palabra e a convocar a mesa de transporte para estudar os posibles cambios que é preciso realizar para mellorar o transporte urbano en Lugo, que trala entrada en vigor das novas liñas xerou infinidade de críticas e queixas entre a cidadanía.

Ameijide aproveita tamén para recordar ao vicealcalde que ese suposto acordo unánime do que acostuma a falar no referente ás liñas de transporte “non existe” xa que nas reunións que houbo “faláronse propostas” pero a realidade é que o modelo que está en vigor é o que quixo o vicealcalde. “Parece que Rubén Arroxo non recorda que na mesa de transporte non se votou nada. Nos fixemos propostas, pero el pasou por encima delas e implantou o seu propio modelo de transporte, así que agora que non bote as culpas sobre os demais”, sinalou.

O vicevoceiro popular recorda que cando o vicealcalde teña a ben convocar a mesa de transporte poremos sobre a mesa todas as deficiencias detectadas nas ducias de reunións mantidas con veciños para poder buscar as solucións máis axeitadas para dar resposta ás queixas dos lucenses, xa que así “poderemos fomentar dun xeito eficaz que os cidadáns se suban ao bus”.

Os populares son sabedores de que é moi complicado adaptar as liñas a todas as peticións da cidadanía, pero non é menos certo que todas estas semanas que deixou pasar Arroxo sen convocar a mesa provocaron que se perderse un tempo moi valioso para estudar todas as posibilidades e así buscar un consenso para obter as mellores opcións. “Temos claro que se queremos que os lucenses suban ao bus hai que fomentar o seu uso entre os mozos e as persoas con menos recursos, polo que a gratuidade para menores 18 e parados son fundamentais, sen esquecer outras opcións para bonificar os pagos en función da renda”, sinala.

Medidas que deben ir da man de outra fundamental na reforma posta en marcha por PSOE e BNG. Cómpre garantir os transbordos gratuítos xa que se agora hai percorridos máis curtos para facelos máis áxiles, como defenden dende o goberno local, é preciso facilitar o cambio de bus para unir toda a cidade e incentivar que a cidadanía vexa no bus o medio idóneo para ir a calquera punto da cidade.

A entrada en vigor das novas liñas de transporte urbano o pasado 1 de xuño xerou numerosas queixas entre a cidadanía xa que agora ven os lucenses como desprazamentos que antes podían facer no bus urbano agora son imposibles ou encareceron o seu custo xa que é preciso coller varios autobuses, polo que é imprescindible a creación dunha APP móbil para planificar rutas e poder ver en tempo real onde se atopan os autobuses.

Recorda Antonio Ameijide que o seu grupo ten preparado un documento de traballo con todas as eivas detectadas e as achegas realizadas polos lucenses que se porá a disposición da mesa de transporte para buscar as mellores solucións.

Leave a Reply

5 × 5 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies