EducaciónServizos sociais

O PP sorprendido pola negativa do Concello de Lugo a fomentar cursos de castelán e galego para refuxiados ucraínos

By 26 Maio, 2022Sin comentarios

O Partido Popular lamenta que a actitude tomada polo goberno local de negarse a poñer en marcha cursos de aprendizaxe de castelán e galego para refuxiados ucraínos, uns cursos que “son fundamentais” para que estas persoas poidan realizar unha vida normal, cunha comunicación totalmente fluída

A proposta realizada polo Grupo Popular consistía en que para a posta en marcha deste programa de apoio lingüístico se conte coa opinión tanto do colectivo de ucraínos como coas ONG´s implicadas con este colectivo co ánimo de que sexa o concello o que lidere e coordine as actuacións solidarias con estes refuxiados

A invasión de Ucraína por parte da Federación Rusa provocou o maior éxodo en Europa logo da Segunda Guerra Mundial.

A ONU estima entre catro e cinco millóns de ucraínos os que se viron obrigados a fuxir do seu país pola invasión, deixando atrás ás súas familias e, por suposto, todos os seus ben materiais.

Pero xunto con todo iso, quedou parte da súa vida e obrigounos a vir a países que, como España, teñen moitas diferencias con Ucraína, pero unha delas moi importante: o idioma.

A barreira idiomática é a primeira coa que se atopan os ucraínos que veñen ao noso país e, neste caso, a Lugo. A maior parte deles son mulleres e nenos, xa que os homes quedáronse no seu país combatendo aos invasores rusos.

Segundo os datos que se foron facendo públicos, estímase que Galicia acolleu a uns oitocentos ucraínos, datos que son difíciles de estimar de xeito certo e que, por desgraza medran continuamente xa que o éxodo non rematou e, por outro lado, tampouco sabemos por canto tempo permanecerán con nós.  Pero o que si temos claro é que o tempo que permanezan en Lugo temos que facer o posible, entre todos, para que se integren e noten o cariño dos lugueses e, na nosa opinión, ten que ser o Concello o que lidere esta labor.

No caso dos nenos os datos si son máis fiables posto que están todos eles escolarizados. En Galicia foron escolarizados 504 alumnos en 186 centros educativos, 46 deles en centros de Lugo.

A Xunta puxo á súa disposición no só a escolarización senón tamén o transporte, o comedor e o material escolar e tecnolóxico.

Dende o GMPP queremos, en primeiro lugar, agradecer aos profesionais da educación o esforzo que están a levar a cabo para integrar a estes alumnos nos centros escolares, posto que na meirande parte dos casos trátase de alumnos cos que a comunicación é tremendamente complicada porque non teñen uns mínimos coñecementos de español ou, no seu caso, de inglés.

A Consellería de Educación puxo a disposición unha páxina web con contidos específicos e guías de conversa, xunto con outra serie de recursos como diccionarios ou fichas de actividades. Pero todos eses recursos sen un traballo inxente dos profesionais da educación servirían de pouco, por iso vaia para eles o noso recoñecemento.

Pero xunto con estes cativos tamén viñeron parte das súas familias, maiormente as súas nais que, nalgún momento, terán a necesidade de acceder ao mercado laboral. Pero aínda que así non fora porque o conflito non se prolongase no tempo, o certo é que precisan uns mínimos coñecementos das linguas que se usan na nosa cidade, o castelán e mailo galego, para poder relacionarse e non vivir no illamento no que se atopan lonxe dos seus.

Galicia en xeral e Lugo en particular, sempre foron terra de acollida, seguramente porque previamente foron terra de emigración e sabemos ben o que sinte alguén que ten que abandonar a súa casa, a súa familia, e marchar cara un país descoñecido. Máxime cando a causa da saída non é a procura dunha mellor opción de futuro senón que é a mera necesidade de garantir a súa vida ou a dos seus fillos.

Por iso,  desde o GMPP cremos que sería importante poñer en marcha un programa de apoio lingüístico as ucraínas, dado que son fundamentalmente mulleres, que se atopan na nosa cidade e que, sen dúbida terán máis difícil aprender unhas nocións básicas de castelán e galego que os seus fillos posto que a interacción social, a idade, etc. as coloca nunha peor situación.

Para poñer en marcha ese programa sería desexable contar coa opinión do colectivo de ucraínos na nosa cidade e con ONG´s que, de seguro, xa estarán traballando ou estudiando a posta en marcha de proxectos semellantes. O importante é unir esforzos, e por iso o Concello ten que adoptar unha posición de liderado e coordinación.

Por todo elo o Grupo Municipal do Partido Popular, que subscribe esta proposición, considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal acorde:

Que o Concello de Lugo, logo de escoitar ao colectivo ucraíno de Lugo e ás ONG´s que traballen co colectivo ou estean a preparar programas para facelo, poña en marcha un programa de apoio aos cidadáns ucraínos residentes na nosa cidade para que poidan adquirir un nivel de competencia idiomática en castelán e galego que lles permita unha maior integración. Para a súa posta en marcha sería incluso desexable, como xa se solicitou noutras ocasións que reactive a Oficina Municipal do Voluntariado de xeito que tamén poidan colaborar os lucenses que así o consideren.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies