Persoal

O PP revela que a nova RPT suscitou preto de 200 queixas de traballadores

By 10 Febreiro, 2017Sin comentarios

 O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, reclama, logo de reunirse cos representantes dos distintos sindicatos, que o goberno municipal dea resposta “en tempo e forma” ás protestas rexistradas por “case o 30% da plantilla municipal”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, revela que a nova Relación de Postos de Traballo (RPT) suscitou queixas de preto de 200 traballadores municipais.

A ese respecto, e logo de reunirse cos representantes dos diversos sindicatos, o popular esixe ao goberno municipal que responda “en tempo e forma” todas estas reclamacións, que, en opinión dos populares, “demostra o que dixemos dende este grupo político ao comezo da tramitación, que era un proceso que nacía ás présas e viciado”, unha situación que “non mellora”, porque “a día de hoxe” continúa sen ter o aval de informes fundamentais, como son o da Xefatura de Persoal e o do Departamento de Intervención.

Nese senso, o vicevoceiro popular explica que o Grupo Municipal do Partido Popular xa presentou unha batería de preguntas ao goberno local para que dea explicacións de, entre outras cuestións, por que non se lles deu participación no proceso aos xefes de servizo ou por que se excluíu “sen xustificación ningunha” a algunha das organizacións de representación de traballadores municipais, como Ágora entre outras.

Así mesmo, Antonio Ameijide sinala que “o feito de que preto do 30% dos empregados do Concello presentasen queixas é sintomático do errática que foi toda a tramitación”, polo que “é comprensible o malestar xeneralizado e o gran descontento diante dun documento destas características, polo que levan tanto tempo agardando e coa importancia que ten unha RPT elaborada dende o atropelo e o descoñecemento, moi lonxe do consenso que require”.

Por outra banda, o vicevoceiro popular tacha de “provocación e chantaxe” a decisión do goberno local de convocar para o martes a vindeira mesa negociadora cos sindicatos, “coa intención de aprobar a RPT ás présas a semana que vén”. “Os traballadores do Concello saben que teñen o noso apoio porque se algo temos claro é que eles non poden ser a parte perdedora e a parte perxudicada no trapicheo e o menudeo político que se traen entre o PSOE e o Lugonovo”, destaca Ameijide.

Por último, o popular ve “irresponsabilidade e inconsciencia” no goberno local ao estar a condicionar o futuro laboral de máis de 700 familias “só para mercar a aprobación dos socios colaboradores habituais dos socialistas, negociando nunhas semanas o que tiveron tempo abondo para facer con prudencia e mesura”. “E iso por non falar da incoherencia socialista de atribuírlle estas funcións á nova directora xeral de persoal, cargo cuxa creación foi un capricho político de Lugonovo cun custe duns 70.000 euros anuais, e que non interviu para nada no proceso”, conclúe. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies