O PP respalda a modificación dos orzamentos de Méndez e Arroxo aos catro meses de vixencia o que certifica o fracaso dos mesmos

By 15 Abril, 2021Economía, Transparencia

O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide critica que a alcaldesa e o vicealcalde tentan ocultar nun plan de recuperación partidas que deberían figurar nos orzamentos, que aprobaron hai catro meses, como o equipamento do novo auditorio de Magoi ou o centro social Paco Martín

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica as mentiras e o ocultismo do goberno local, xa que tentaron tapar a súa falta de traballo e previsión orzamentaria ao incluír na modificación de crédito do plan de axudas municipal partidas destinadas a equipar instalacións municipais e a pagar indemnizacións de sentencias xudiciais.

Antonio Ameijide explica que “como é lóxico” apoiamos todos os plans, xa sexan municipais, autonómicos ou nacionais, que vaian destinados a axudar a todas as empresas e negocios que peor o están a pasar por mor da crise económica derivada da covid, o que non é óbice para criticar as formas e as tretas de Méndez e Arroxo.

O concelleiro popular fai esta crítica xa que se trata de partidas que xa deberían figurar nos propios orzamentos municipais que PSOE e BNG deseñaron e aprobaron para Lugo. “No seu momento xa dixemos que o borrador de orzamentos que presentaban non se axustaba á realidade e a realidade é que agora teñen que afrontar no mes de abril unha reforma orzamentaria porque non se axustan á realidade de Lugo”, sinalou.

Neste senso, o ano pasado xa se sabía que o Concello de Lugo tería que afrontar unha indemnización de 2.4M€ pola Fábrica da Luz e nada aparecía nos orzamentos. Unha indemnización “que é un préstamo” porque esta indemnización teñen que pagala os políticos socialistas responsables, entre eles Lara Méndez, que aínda non iniciou o procedemento, entendemos que por medo ou intereses persoais, ou Daniel Piñeiro.

O ano pasado tamén se sabía que sería preciso habilitar partidas para expropiar terreos nas Mercedes, equipar o centro social Paco Martín, rehabilitar a capela do Carme ou equipar o auditorio, infraestructura da que “seguimos sen saber a data de apertura e o modelo de xestión que teñen pensado”.

O popular critica que nin Méndez nin Arroxo tiveron a ben consensuar este plan nin ningún outro, pero a realidade é que o que está a facer este goberno local é que o que lle dan por un lado aos negocios llo quitan por outro, xa que o bigoberno leva máis dun ano negándose a realizar bonificacións ou exencións nas taxas de auga e lixo a negocios pechados, ou a bonificar o imposto de rodaxe a distribuidores e repartidores ou a comerciantes unha reducción ou reducción do IBI, algo que hoxe no pleno se plantexou por sexta ocasión.

Ameijide tamén aproveitou o pleno para recordar a Lara Méndez, Maite Ferreiro e demais concelleiras do goberno local, que presumen de ser abandeiradas do feminismo, que aínda non recriminou publicamente as palabras do presidente da Deputación, José Tomé, “o actual macho alfa do PSOE provincial”, nas que criticaba á presidenta provincial do PP e deputada autonómica, Elena Candia, pola súa forma de vestir. “É incrible que no ano 2021 haxa persoas que seguen a tentar ridiculizar a outras pola súa forma de vestir”, sentenciou.

Leave a Reply

nine − nine =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies