Servizos sociais

O PP propón un pleno xuvenil para concienciar en igualdade

By 3 Febreiro, 2016Febreiro 4th, 2016Sin comentarios

A concelleira popular Ana López Pombo suxire que o Concello de Lugo celebre unha sesión plenaria de adolescentes de institutos da cidade para traballar valores de igualdade, coeducación, conciliación e corresponsabilidade

A edil Ana López Pombo, representante do Grupo Municipal do Partido Popular no Foro de Igualdade, proporá mañá neste órgano que o Concello de Lugo celebre un pleno xuvenil para concienciar nesta materia.

Nese sentido, a popular suxire que dende o Concello se convoque aos alumnos dos institutos de ensinanza secundaria do municipio de Lugo para participar dunha iniciativa na que se aborden cuestións relativas á igualdade, á coeducación, á conciliación e á corresponsabilidade. “Son eixes vectoriais dunha acción transversal da que a administración municipal se pode converter en impulsora”, detallou.

Deste xeito, López Pombo explicou que “cunha iniciativa así conséguese un traballo sostible e prolongado no tempo, no que se impliquen como actores fundamentais os propios alumnos e alumnas e tamén os docentes e as súas familias”, de xeito que “se acade unha intervención entre todos os axentes educativos, posto que a asimilación dos valores de igualdade depende, fundamentalmente, da educación”. “Partimos da premisa de que este pleno xuvenil require un traballo previo de sensibilización e intercambio de información e debate a esas tres bandas (alumnado, profesorado e familias”, detallou a popular, quen indicou que “precisamente o diálogo e a empatía, que se traballarían no ámbito desta proposta, son dous elementos esenciais para a igualdade”.

Ademais, a edil popular subliñou que “o que temos claro é que hai que realizar un traballo sen descanso entre o colectivo dos máis novos”, posto que “da súa concienciación, da súa involucración e da súa implicación depende que o día de mañá teñamos ou non unha sociedade máis igualitaria”.

Actos do Día Internacional da Muller.-

López Pombo enmarcou esta acción entre as propostas que o Grupo Municipal do Partido Popular trasladará mañá para desenvolver ao fío dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo. Así mesmo, reclaman que non se politice esta celebración “porque o importante é unir esforzos para concienciar na igualdade”.

Por último, os populares reiteraron a súa queixa polo escaso tempo co que se convoca este foro para a planificación das accións que se van celebrar para conmemorar o 8 de marzo, co gallo do día da muller. “Seguramente con máis marxe poderíamos programar máis actos e ter eventos de máis tirón para darlle a visibilidade e repercusión que require a igualdade, unha materia na que nos queda moito por avanzar como sociedade”, conclúe.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies