Sen categoríaTráfico

O PP propón sistemas de control en rúas peonís onde “por norma hai un exceso de coches”

By 7 Decembro, 2016Sin comentarios

O vicevoceiro do populares Antonio Ameijide afirma que hai vías como “Menorca, Xosé Ferro Coengo e Aviador Parga Cerezo onde esta problemática vai en aumento e está provocando situacións de risco para os residentes”

O Grupo Municipal do Partido Popular reclama un sistema de control para prohibir o paso de vehículos en rúas que son consideradas como peonís pero onde, na actualidade, hai un abuso e exceso de vehículos. O concelleiro popular Antonio Ameijide explicou que os veciños da rúa Xosé Ferro Coengo, en Catasol, os de Aviador Parga Cerezo, entre rúa Galicia e Rúa San Roque e os da rúa Menorca, que comunica Avenida da Coruña e rúa Milagrosa, teñen que convivir cos coches que invaden estas vías malia estar sinalizada a prohibición de circular por elas.

Como cada rúa ten a súa particulariedade o popular insta a que se estuden que sistemas de control de tráfico implantar en cada unha delas. Ameijide matizou que o goberno local presume de avanzar na peonalización de espazos fóra do casco histórico cando, en realidade, son falsas peonalizacións xa que “os coches acceden sen ningún tipo de limitación provocando problemas de seguridade vial e poñendo en risco ás persoas que residen ou desfrutan delas”.

En Xosé Ferro Coengo os veciños están preocupados porque son moitos os conductores que utilizan esta rúa como atallo para atravesar, circulando a alta velocidade, da rúa da Encrucillada ata a rúa Peña Anda. Ameijide subliñou que os veciños temen sufrir un atropelo cando entran ou saen dos seus portais e destacan que “nesta zona onde tamén hai un parque infantil hai un alto risco de atropelo aos meniños que xogan neste espazo”. Para solucionar esta problemática os populares propoñen “que se estude a colocación de cámaras con lector de matrículas, bolardos fixos ou retraíbles ou ben instalación de mobiliario urbano para que só accedan  os residentes que aparcan nos tres garaxes desta vía”.

Para o caso da rúa Menorca Ameijide suxire que se implante unha das tres alternativas anteriores xa que “a diario hai unha ducia de vehículos aparcados nesta rúa peonil”.

No caso de Aviador Parga Cerezo estamos falando dunha rúa pola que se accede a garaxes pero que, tamén, é de paso ao interior dun espazo público onde hai dúas zonas de esparcemento e xogos infantís.  Ameijide explica que “supón un perigo para os nenos o intenso tráfico que se rexistra nela, dado que este espazo se está utilizando como zona para aparcamento, polo que propón un control de acceso para que os residentes, que teñen garaxes na zona, sexan os únicos que poidan pasar por esta rúa”.

“A idea é facilitar o acceso aos residentes, taxis, vehículos de mobilidade reducida e aos de carga e descarga autorizados a pasar” salientou o popular. Coas videocámaras se captan as matrículas dos coches e as comparan cunha base de datos coas matrículas autorizadas. Se non se posúe esa autorización, de xeito automático se cursará unha denuncia, coa súa correspondente multa. O mobiliario urbano é outra opción “xa que provoca un efecto barreira tal e como sucede cos bolardos” explicou o concelleiro popular. Ameijide matizou que habería que valorar cal  é o método menos invasivo, máis económico de manter e máis eficaz e unha vez decidido o sistema se debería empezar a implantar de forma progresiva nas zonas peonis de Lugo”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies