Economía

O PP presentou á CEL as súas medidas para acadar a igualdade de oportunidades na contratación municipal e para poñer freo ao peche de negocios 

By 21 Marzo, 2021Sin comentarios

Os populares explicaron aos representantes da patronal lucense a súa proposta para crear un rexistro de empresas co que frear a dinámica do bipartito de “dar a dedo sempre as mesmas empresas contratos menores”

Concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo mantiveron un encontro de traballo con representantes da CEL para abordar posibles solucións aos principais problemas que afectan ao tecido empresarial na cidade.

Nesta xuntanza, á que asistiron o voceiro Ramón Carballo e o vicevoceiro Antonio Ameijide, presentouse a proposta da creación dun rexistro municipal de licitadores para contratos menores, que ten o ánimo de corrixir “a práctica abusiva de utilizar contratos menores para os caprichos e as cacicadas da alcaldesa e o vicealcalde de Lugo”, iniciativa que se presentou ao pleno, pero que PSOE e BNG se encargaron de boicotear baixo a escusa de que “xa están a traballar niso”, algo que levan dicindo dende o ano 2018.

Para os populares a posta en funcionamento deste sistema é fundamental para evitar un uso abusivo e discrecional deste sistema de contratación que nos últimos anos experimentou un aumento desmedido. Este sistema de contratación axudaría a que todos os autónomos e empresas, rexistrados voluntariamente neste rexistro, terían igualdade de oportunidades xa que se trata dun sistema aberto de adquisición para contratos menores que dea publicidade de toda contratación que se oferte dende o Concello.

No encontro entre populares e representantes da CEL tamén se abordou o decálogo de medidas proposto polo Grupo Municipal Popular para poñer freo ao goteo incesante de peche de negocios na cidade. Medidas entre as que destacan impulsar un Plan de recuperación estética nas zonas con maior concentración de locais baleiros; axudas ao aluguer; exencións ou bonificacións nos recibos da auga e da recollida do lixo; incentivos para a conservación e o mantemento de comercios emblemáticos ou unha mellora do aparcamento e a accesibilidade nas zonas comerciais.

Medidas encamiñadas para dar unha volta á dura realidade que se vive na cidade, na que o 40% dos locais comerciais do casco histórico e das principais rúas comerciais da cidade están pechados, tal e como se desprende dun chequeo realizado polo Grupo Popular nunha vintena das principais rúas comerciais da cidade.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies