Obras

O PP pide mallas de protección metálicas en pasarelas de madeira

By 22 Novembro, 2016Sin comentarios

 Antonio Ameijide reclama aos socialistas que instalen redes metálicas nas pasarelas de madeira e superficies similares para evitar que se produzan esvaróns e caídas de corredores, ciclistas e persoas que as empregan para pasear

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, pide ao Concello de Lugo e á Deputación Provincial a instalación de mallas de protección metálicas en pasarelas de madeira e outras superficies análogas con elevado risco de caídas ou esvaróns de ciclistas, corredores ou, simplemente, de persoas que pasean por estes espazos.

Tal como explica o popular, “hai puntos que constitúen un verdadeiro perigo, especialmente coa chegada das precipitacións e as xeadas do outono e do inverno, unido á falta de mantemento e á existencia de zonas sombrías que xeran unha capa esvaradiza”, polo que insta aos socialistas a adoptar medidas que “permitan un uso continuado destas zonas”. “Trátase tamén de que dende estas administracións se impulsen hábitos saúdables entre os veciños, para o que a seguridade e a comodidade son dous elementos imprescindibles”, incide Antonio Ameijide.

Nesa liña, o vicevoceiro popular destaca que “existe unha ampla demanda entre diversos colectivos” para que “unha acción deste tipo, cun impacto económico mínimo para as arcas municipais, contribúa á posta en valor dos sendeiros do Concello, nun momento no que cada vez máis xente se está a animar a facer deporte”.

Deste xeito, Antonio Ameijide apunta que “os efectos positivos destes elementos están máis que probados na medida en que favorecen unha maior adherencia ao terreo e, de feito, o propio Concello de Lugo ten instaladas mallas deste tipo na pasarela sobre a N-VI á altura de Afonso X”. “O que habería que facer é estender esa acción tan puntual a outras zonas do municipio”, asegura.

A este respecto, o edil popular anuncia que trasladará esta proposta ao pleno de pasado mañá durante a súa intervención en relación á iniciativa do PP para dotar de iluminación e de elementos de separación entre condutores e peóns na marxe dereita da estrada LU-P-2902, nun treito de tres quilómetros do coñecido como ruta do ecolóxico. Con esta proposición, na que tamén se inclúe a mellora do alumeado dalgún treito do Paseo do Miño que carece del (entre o balneario e o restaurante situado nas inmediacións da coñecida como ponte branca), os populares pretenden dar resposta “á crecente demanda” de avances no entorno dos cauces fluviais.

“Todo iso, por suposto, sen esquecer outra vella petición dos lugueses, a de enlazar os paseos do Miño e do Rato, unha intervención que temos reivindicado moitas veces dende o Grupo Municipal do Partido Popular nunha reclamación que comparte a práctica totalidade da veciñanza”, conclúe Ameijide. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies