Transporte urbanoZona ORA

O PP pide ao goberno que “saia do bucle” na zona ORA e no transporte urbano

By 11 Abril, 2016Sin comentarios

O vicevoceiro do Partido Popular, Antonio Ameijide, destaca que “rematou o tempo de excusas para non adoptar decisións por Lugo e polos lugueses, porque é hora de arranxar cuestións que xa viñan de antes e, por suposto, as que este goberno xerou”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, reclamoulle esta maña en rolda de prensa ao goberno municipal que “saia do bucle permanente de inacción” no que entrou en relación á zona ORA e ao transporte urbano.

No relativo á xestión do estacionamento, o popular lamentou que “a inacción, a parálise e a indefinición dos socialistas, que se aprecia á perfección en que dende o 4 de xaneiro non se convocaron máis reunións da Comisión para a Municipalización da ORA, é cada día máis sangrante, e así nolo poñen de manifesto numerosos veciños e comerciantes”. “O que ía ser unha decisión provisional, sen alternativa ningunha, e que se ía prolongar como moito ata o 30 de marzo vai polo camiño de ser definitiva”, apuntou Ameijide, ao tempo que insistiu en que “hai varios acordos plenarios e hai unanimidade entre practicamente todos os grupos municipais, pero falla, outra vez máis, a cabeza deste Concello”.

“Non nos preocupa que na súa permanente conta atrás, a alcaldesa vaia incumprir tamén este compromiso, que ela mesma se marcou nun conflito que ela mesma xerou, senón que o que non entendemos é que tome aos lugueses como reféns en todo este proceso de mentiras”, incidiu, ao tempo que lembrou que “a proposta do PP, que coincide no esencial cos modelos que defenden Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE, consiste no establecemento de zonas puntuais de control horario limitado gratuíto, que poden coincidir ou non coas actuais, pero supervisadas dende o Concello e con persoal municipal, sen que ningunha empresa se lucre”.

Transporte urbano.-

Por outra banda, Antonio Ameijide tamén lamentou que a alcaldesa non estea a cumprir o acordo plenario para a creación dunha mesa de traballo entre os grupos políticos e técnicos municipais para abordar unha reorganización “integral e en profundidade” do transporte urbano. “Pasou mes e medio dende que se aprobou a constitución deste órgano, para decidir dende o Concello as melloras en liñas, tarifas, frecuencias e tecnoloxía e así promover un cambio que afecte tanto aos lugueses”, salientou o vicevoceiro popular, quen criticou que “o transporte urbano continúa relegado entre as prioridades dun goberno, máis favorable a prorrogar contratos da Pokemon que de atender a cuestións transversais do municipio”. Entre as propostas do PP atópanse a gratuídade dos autobuses para pensionistas, xubilados e familias con escasos recursos e tamén dos transbordos para todos os usuarios; tamén percorridos máis curtos que permitan mellorar as frecuencias de paso e cubrir máis superficie municipal; e incorporación de ferramentas propias das novas tecnoloxías, como a creación dunha APP para móbiles, a recuperación dos paneis informativos ou a instalación de rede inalámbrica WIFI.

“Por razóns coma estas dúas, os veciños xa se empezan a decatar de que estamos diante dunha alcaldesa bluf”, asegurou Ameijide, quen asegurou que “aínda que a alcaldesa non sexa de Lugo, nin vivira aquí nin quixera este cargo, ten unhas obrigas que atender”. “Rematou o tempo de contemplacións e de buscar excusas para non adoptar decisións respecto tanto de cuestións herdadas como das que este propio goberno xerou”, concluíu o vicevoceiro popular.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies