Economía

O PP lamenta que o Concello vaia pagar 11 millóns de euros ao ano a dúas multinacionais sen contrato

By 31 Marzo, 2017Sin comentarios

 Jaime Castiñeira afirma que “o remate hoxe do contrato de limpeza e residuos urbanos”, sumado á falta de avances nos da xestión da depuradora e a potabilizadora, elevará “aínda máis” a “escandalosa” cifra de pagos con reparos de legalidade

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, lamenta que o Concello de Lugo se vaia ver abocado a pagar cada ano 11 millóns de euros a só dúas empresas multinacionais por facturas sen contrato e cos correspondentes reparos de legalidade.

Tras a finalización no día de hoxe da vixencia do contrato de limpeza viaria, recollida de residuos e transporte logo de 21 anos de duración “sen que por parte do goberno local se deran mostras de ter avanzado nada en relación a unha nova licitación do servizo máis caro para as arcas municipais”, Castiñeira afirma que a contía á que ascenderán este tipo de pagamentos “chegará a niveis inéditos no Concello de Lugo”.

Nesta liña, explica que tomando como referencia o pago mensual duns 600.000 euros a Urbaser, “contía á que haberá que engadirlle o IPC”, as facturas ao longo de 2017 e 2018 estarán en torno aos 7,3 millóns de euros, unha contía que se vén a sumar aos 3,3 millóns de euros que terá que abonar neste periodo o Concello de Lugo a Gestagua entre a depuradora e a potabilizadora, sen vinculación contractual dende novembro de 2011 e febreiro de 2011, respectivamente.

“Se cunha nova licitación destes contratos se poderían obter unhas melloras (ben económicas ou ben no servizo) por un importe entre o 20% e o 25% do seu prezo actual, o que resulta é que só con readxudicar estes tres servizos o Concello de Lugo podería aforrar ao ano en torno a 2,5 millóns de euros”, calcula Castiñeira, ao tempo que destaca o prexuízo de que “cando estas instalacións estaban novas e, polo tanto, o custe de mantemento era moito máis reducido, non se ofreceran aos posibles interesados e si se vaia facer cando lles resulte menos atractivo asumir o servizo”

Así mesmo, o popular fai fincapé en que “evidentemente, non se trata dos únicos servizos nestas circunstancias”, dado que “o propio informe de contratación de 15 de febreiro de 2017 reflectía a falta de avances nun total de 5 dos 14 cuxos pagamentos levou onte ao pleno o goberno local”, polo que a cifra “non deixará de medrar mentres a alcaldesa siga mirando para outro lado”. En opinión de Castiñeira, “Méndez marcará un novo fito para as arcas municipais, non só convertendo ao Concello no segundo peor pagador de todas as capitais de provincia senón tamén permitindo que caduque o contrato que máis caro lle sae á administración municipal”.

Finalmente, o voceiro popular incide en que “transcorrido o primeiro trimestre do ano, aínda non teñamos nin a menor noticia sobre as previsións orzamentarias do goberno para 2017”. “Tal día como hoxe hai un ano, xa cunha demora considerable, o pleno do Concello estaba a debater as contas para 2016 pero, un ano despois, nin sequera nos entregaron o primeiro borrador”, conclúe. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies