EconomíaTransparencia

O PP lamenta que o bigoberno segue na espiral de opacidade tras repartir no primeiro trimestre de 2021 1M€ en 311 contratos menores sen publicidade

By 2 Agosto, 2021Sin comentarios

O concelleiro popular Antonio Ameijide afirma que a única opción para entender esta situación caciquil de contratos a dedo é que tanto PSOE coma BNG están a pagar favores xa que nesta revisión se ve facilmente fraccionamentos de contratos para poder asignar traballos a dedo a quen quere o concelleiro de turno

O Partido Popular segue a poñer o punto de mira nos contratos menores asinados por socialistas e nacionalistas á fronte do Concello de Lugo, uns contratos que só no primeiro trimestre do ano supuxeron un custe para as arcas municipais de 1.074.329,36€ repartidos en 311 contratos.

Unha situación ante a que Antonio Ameijide lamenta o ocultismo do goberno local, xa que en pleno mes de agosto so temos acceso aos contratos do primeiro trimestre deste ano, cando a situación tiña que ser diferente, xa que estes datos tiñan que actualizarse mensualmente. “Como seguen sen publicar os datos pediremos de inmediato que os actualicen semanalmente e que se realice incluíndo os datos do número de empresas convidadas a cada licitación”, apunta.

Pese a isto, os datos do primeiro trimestre de 2021 deixan situacións moi preocupantes, como que Lara Méndez, Rubén Arroxo e os seus concelleiros gastaron unha media de 17.905€ ao día, ou o que é o mesmo, 3.465,58€ de media por cada contrato menor que asignaron a dedo sen dar publicidade nin convidar a outras empresas de Lugo a que presentaran oferta.

Un sistema que para o goberno local “está a ser moi productivo” para devolver favores, xa que, por exemplo, a área de Cultura, dirixida polo BNG, asignou no primeiro trimestre 76 contratos a dedo, por valor de 208.724€. “Vemos como Rubén Arroxo e os seus concelleiros seguen a empregar o Concello de Lugo para dar traballo aos seus amigos, xa que entregaron unha media de 3.478€ ao día, que van a parar, entre outros moitos a empresas afíns”, afirmou.

Nesta relación de contratos do primeiro trimestre hai situacións que bordean a legalidade, como fraccionamentos claros de contratos. Un exemplo é que dende a concellería de Cultura se asinan no mesmo día do mes de febreiro 7 contratos cunha mesma persoa, todos co mesmo importe, para traballos a realizar no mes de abril (6.050€). Destaca que neste caso, os traballos contratados consistían na presentación de pezas teatrais, cando a actividade profesional rexistrada desta persoa é a docencia.

Un modus operandi que se emprega con asiduidade en Cultura, xa que en febreiro empregaron a mesma técnica, asinar 6 contratos coa mesma empresa (cada un de 2.500€ para facer un total de 15.000€) para traballos a realizar durante o entroido.

Doutra banda, para o popular a listaxe á que se tivo acceso segue a ocultar datos, xa que non se facilita, entre outros datos, o número de empresas ás que se lle pediu oferta, un dato fundamental para coñecer se deron participación ou non a autónomos de Lugo. Todo apunta a que o bigoberno segue a empregar a fórmula dos “contratos a dedo saltándose o principio de igualdade que se supón debería aplicar”.

Neste senso, Ameijide recorda que o goberno local segue sen habilitar o rexistro de licitadores que se pediu dende o Grupo Municipal Popular, un sistema para que as empresas e autónomos de Lugo, de xeito voluntario e gratuíto, poidan rexistrase na súa actividade e presentar ofertas para aquelas licitacións que lles interesen, en lugar do actual sistema de que so participan aquelas empresas ás que Lara Méndez,, Rubén Arroxo ou os seus concelleiros lles permitan participar. “Falamos dun sistema caciquil e opaco que é imprescindible desterrar do Concello de Lugo”, conclúe.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies