Servizos sociais

O PP insta ao bigoberno a reactivar a oficina do voluntariado para poñer en marcha iniciativas sociais

By 5 Decembro, 2019Sin comentarios

A concelleira do Grupo Municipal do PP Cristina Abades lamenta que o Concello de Lugo sexa de novo “un referente de ineficacia”, neste caso no fomento do voluntariado social porque a oficina que se creou no ano 2002 non presta asesoramento técnico, nin se organizan cursos de formación, nin se coordinan accións de voluntariado no eido municipal

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Cristina Abades, solicita ao bigoberno municipal a reactivación da oficina municipal de voluntariado para que calquera lucense que o desexe poida prestar a súa axuda desinteresada a outras persoas ou entidades.

Cristina Abades sinala que Lugo é a única das grandes cidades galegas que na actualidade conta coa oficina municipal de voluntariado “paralizada”, pero en anos anteriores os goberno socialistas “optaron por desmantelar” esta iniciativa que en todas as cidades conta cun gran respaldo social. Entre as actividades que se poderían promover dende a oficina municipal de voluntariado están o acompañamento a persoas maiores, menores ou discapacitados; colaborar con iniciativas en favor de medio ambiente; ou accións puntuais que poidan xurdir ao longo do ano e que precisen de voluntarios para poder desenvolverse.

A concelleira popular lamenta que de novo o Concello de Lugo sexa “un referente de ineficacia” no fomento do voluntariado social porque a oficina que se creou no ano 2002 no centro Uxío Novoneyra “non presta asesoramento técnico, nin se organizan cursos de formación, nin sequera coordínanse accións de voluntariado no ámbito municipal”. Nin o bigoberno nin os anteriores gobernos socialistas incentivan ás persoas interesadas en prestar a súa colaboración a calquera outro veciño. “É unha mágoa que Lugo non poida contar cos mesmos servizos que outras cidades de Galicia unicamente pola desidia do goberno local”, sinalou.

Cristina Abades sinala que cunha pequena procura a través da internet se poden atopar referencias a esta oficina municipal de voluntariado, pero as persoas que aparecen como referencia xa non se ocupan desta tarefa nin a dirección web está activa. Neste senso, a popular recalca a importancia de contar con este tipo de iniciativas xa que serven para “promover o voluntariado a nivel municipal e crear tecido social entre diferentes entidades”.

Neste senso, Cristina Abades recorda que dende a Xunta de Galicia “se apoian firmemente” este tipo de iniciativas, algo para o que o executivo galego puxo en marcha diferentes tipos de axudas. Por unha banda, o goberno galego financiou 37 proxectos de voluntariado sénior, algo para o que destinou 120.000€, e tamén se destinaron 405.000€ para a posta en marcha de 73 programas para a promoción do voluntariado xuvenil. “O Concello de Lugo puido terse beneficiado deste tipo de axudas, xa que se dirixiron a concellos e entidades de acción voluntaria, o único que fai falta é un pouco de iniciativa para poder desenvolver proxectos de interese para os lucenses”, afirmou.

A concelleira popular recorda que na pasada campaña electoral, dende a candidatura popular xa se anunciara a intención de contar cun programa de mentores sénior, para resaltar a experiencia e os coñecementos de persoas que xa remataron a súa vida laboral, pero que pola súa profesión poden axudar os emprendedores, ademais de poñer en marcha un programa de voluntariado para promover as relacións sociais e accións interxeracionais nas que os maiores tamén participaran como parte activa.

Unha situación que se engade á xa denunciada en días pasados polos populares, sobre a renuncia do bigoberno a unha subvención de case 6.000€ da Xunta de Galicia en materia de xuventude, axuda destinada a desenvolver diferentes tipos de programacións dirixidas á mocidade, consistentes no fomento do emprendemento, a divulgación de hábitos saudables e a prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, a dinamización da información para a xuventude ou a promoción de actividades creativas e innovadoras. Outros dos ámbitos aos que se dirixían estas achegas son iniciativas que busquen a inclusión social e laboral e a accesibilidade dos mozos e mozas, o impulso da participación e empoderamento das mulleres, a conservación e posta en valor do medio ambiente e do patrimonio natural e cultural, o desenvolvemento da dinamización do medio rural e a creación de espazos para a comunicación e as novas tecnoloxías.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies