O PP esixe que o vindeiro recibo do lixo recolla o desconto da folga

By 2 Setembro, 2015Xaneiro 11th, 2016Economía, Medio Ambiente

A concelleira popular Ana López afirma que “o goberno municipal quedou sen excusas para, despois de máis dun ano, non ter rebaixado o recibo do lixo” e destaca que “en novembro terá a sexta oportunidade para unha medida que é de xustiza”

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Ana López esixiu esta mañá en rolda de prensa ao goberno municipal que o vindeiro recibo do lixo, que se remitirá aos lucenses a comezos de novembro, incorpore o desconto correspondente aos días de folga.

Tal como explicou a popular, “será a sexta oportunidade” que teñan os socialistas para levar a cabo esta redución, “unha decisión de xustiza para todos os lucenses e tamén de obrigado cumprimento debido a que existe un acordo plenario promovido polo Partido Popular no pleno do 30 de xuño de 2014 e que foi aprobado por unanimidade dos tres grupos políticos con representación na corporación”. “Dende a folga os lucenses levamos pagados cinco recibos trimestrais de auga, lixo e sumidoiros que non recolleron compensación ningunha”, insistiu López Pombo, ao tempo que instou aos socialistas a incluíla no importe correspondente ao terceiro trimestre de 2015. “Igual que o goberno se desentendeu de defender aos lucenses durante a folga, agora tamén se desentende de rebaixarlles os recibos”, aseverou.

Nesa liña, afondou en que se trata dunha cuestión “que depende exclusivamente da vontade política” do goberno, “que polo momento o único que fai é que os lugueses teñamos que soportar dobremente as consecuencias da folga: por unha banda, por pagar por unha recollida en condicións que non se lles prestou aos lucenses entre os días 9 de xuño e 7 de agosto de 2014 e, pola outra, polo importante deterioro neste servizo dende entón”. Deste xeito, López Pombo incidiu en que “as queixas dos veciños son moi frecuentes porque, malia ao elevado custe do servizo, cada vez existen máis incidencias”.

Entre elas, a popular citou a falta de reposición dos colectores que foron danados durante a folga, a existencia de zonas da cidade nas que non se pode realizar recollida selectiva por carecer dos recipientes que o permitan, o uso de colectores vellos que foron traídos de Santiago de Compostela para substituír a algún dos que a folga fixo inútiles, ou as zonas que non contan con ningún recipiente no seu entorno. Así mesmo, López Pombo destacou que “tamén con demasiada frecuencia” se reciben queixas pola acumulación de lixo nas papeleiras tanto de zonas verdes como de parques infantís, “que lonxe de presentar unha boa imaxe, que invite ao ocio, o que transmiten é sensación de abandono pola abundancia de refugallos”. “Con esta situación non é de extrañar que unha enquisa da OCU deste 2015 situase a Lugo como a cidade galega máis sucia e unha das 10 máis sucias a nivel de toda España”, recalcou.

Por último, López Pombo anunciou que o GMPP promoverá un novo acordo no pleno de setembro deste ano “que sirva como ultimátum ao novo goberno socialista, que xa ten demostrado ser fiel herdeiro das malas prácticas do anterior”, posto que “o novo equipo de goberno xa enviou un recibo a comezos de agosto no que seguiron exactamente a mesma tónica que os catro anteriores de López Orozco: nin un euro de desconto”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies