Economía

O PP esixe a Lugonovo que asuma a súa “indubidable responsabilidade” no “caos” dos orzamentos municipais

By 28 Abril, 2016Abril 29th, 2016Sin comentarios

 O voceiro popular, Jaime Castiñeira, reclama a Fernández Rocha, “concelleiro adxunto ao goberno”, que “por lavar a súa imaxe e a súa posible mala conciencia” non caia en mentiras como que ninguén o advirtira das irregularidades de Persoal

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, esixe a Lugonovo que “asuma a súa responsabilidade política clarísima e indubidable” na situación que se ten xerado tras a aprobación inicial dos orzamentos municipais de 2016, “proposta á que a única forza política que votou en contra foi o PP”.

“A ninguén se lle escapa que sen o voto a favor de Lugonovo, a proposta dos socialistas probablemente non tería saído adiante e, polo tanto, hoxe non volveriamos estar coa mesma incertidume coa que estivemos os primeiros meses de 2016”, subliñou Castiñeira, ao tempo que salientou que “igual que no pleno de investidura Lugonovo foi cómplice necesario para que os lugueses estivesen gobernados por unha alcaldesa que nin encabezara ningunha lista nin figurara na candidatura máis votada, tamén agora son corresponsables da desfeita que nos atopamos”.

Nese senso, o voceiro popular sinalou que “o señor concelleiro adxunto ao goberno – en referencia a Fernández Rocha – non pode caer en mentiras agora por intentar lavar a súa imaxe ou a súa posible mala conciencia”. Deste xeito, Castiñeira destacou que “practicamente toda a miña intervención durante o pleno de aprobación inicial dos orzamentos estivo centrada nas posibles irregularidades en materia de Persoal das que advertían os informes técnicos que acompañaban ás contas”. “Polo tanto, non debera dicir agora que ninguén os advertira desta situación”, apuntou o popular, quen tamén desmentiu que, en contra do que aseverou onte Lugonovo, o PP votara a favor dos orzamentos de 2015. “O mínimo que merecen os lugueses é unha política sen mentiras, sen manipulacións e sen demagoxias”, sostivo.

Así mesmo, Jaime Castiñeira atribuíu as declaracións de onte do voceiro de Lugonovo a que ese grupo político “é vítima das súas propias incoherencias”. “Non poden ir cos da feira e volver cos do mercado, trasladando nos medios de comunicación unha imaxe de control e de rexeitamento ao goberno cando na realidade son un bálsamo continuo para as accións socialistas, que apoian sistematicamente”, asegurou.

Por último, o popular tamén sostivo que as declaracións nas que o voceiro socialista “rebaixaba a unha simple chamada de atención as alegacións dos sindicatos” son unha “auténtica desfachatez”, posto que “estamos a falar de que o capricho do goberno de non terse atido aos informes técnicos pode agora abocarnos ao mesmo colapso e ao mesmo punto de partida”. “E esa situación ten dous responsables moi claros (PSOE e Lugonovo) e outros tres cómplices (BNG, Ciudadanos e ACE)”, concluíu.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies