O PP esixe ao bigoberno o reforzo inmediato do rexistro municipal para desatascar o servizo

By 20 Agosto, 2020Agosto 31st, 2020Persoal

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide lamenta os atrancos que o bigoberno está a provocar a todos os lucenses, ao que se engade a imposibilidade que teñen os cidadáns para pedir cita no rexistro a través do teléfono de atención cidadá 010, outro servizo tamén colapsado e no que resulta imposible poder realizar calquer xestión, como acreditan os centos de lucenses que non son capaces de contactar co Concello

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, esixe a Lara Méndez e Rubén Arroxo que reforcen inmediatamente o rexistro municipal para deixar atrás o colapso que vive este servizo ante a avalancha de solicitudes de lucenses interesados nos postos da bolsa de emprego municipal anunciada pola rexedora.

Antonio Ameijide recorda como o pasado 11 de agosto xa se advertiu desde o Grupo Municipal do Partido Popular do risco de “colapso” que había no rexistro municipal ante a avalancha de solicitudes que se agardaba para esta bolsa de emprego, unha previsión que se cumpriu e ante a que nada fixeron nin Méndez nin Arroxo, que optaron por mirar cara outro lado, mentres o servizo se colapsaba.

Esta situación desembocou no colapso dos rexistros das outras administracións públicas que hai na cidade, como pode ser a Xunta de Galicia, algo que provocou a denuncia pública do sindicato CIG. “Todos sabemos da afinidade da CIG co BNG, polo que en lugar de facer unha denuncia pública deberían de aproveitar a liña directa que teñen con Rubén Arroxo e o bigoberno para esixirlles sen panos quentes que solucione os problemas que hai no rexistro municipal do Concello”, afirmou.

O problema xerado por Lara Méndez vén derivado dos prazos imposibles que a rexedora puxo na bolsa de emprego municipal. Deu 10 días hábiles para entregar toda a documentación necesaria, un prazo que comezou a contar o pasado 10 de agosto, pero a situación de colapso no rexistro fai que sexa “imposible” cumprir con esa premisa. Como exemplo desa imposibilidade, desde o Grupo Municipal do Partido Popular ponse como exemplo que o pasado 6 de agosto se pediu cita no rexistro para rexistrar documentación e “xa nos daban cita para o luns 24 de agosto”, o que demostra a imposibilidade de cumprir o prazo marcado pola alcaldesa. “A avalancha de solicitudes que se produciu desembocou nun verdadeiro colapso que ata afectou á plataforma telemática, onde tamén foi imposible rexistrar solicitudes”, sinalou.

Ameijide aproveita para denunciar outra situación “que non se entende” xa que os poucos lucenses que puideron presentar a súa solicitude no rexistro municipal amosaron o seu malestar porque só lles permitiron presentar unha solicitude por cita. As bases da bolsa de emprego municipal recollen que unha mesma persoa pode optar a diferentes postos, pero que ten que presentar unha solicitude para cada posto. Dado o colapso existente é inviable que só se permita entregar unha solicitude por cita, a pesar de que o interesado sexa a mesma persoa.

Outros dos danos colaterais xerados por Méndez e Arroxo foi o colapso do teléfono de atención cidadá 010, onde “tamén é imposible” realizar calquer xestión, xa que despois de máis de 15 minutos de espera son moitos os lucenses que desisten no seu intento de concertar unha cita no rexistro a través deste medio.

Unha situación de colapso que tamén pode afectar aos lucenses ante o inminente inicio do curso escolar, xa que se prevé outra avalancha de solicitudes das axudas de material escolar, polo que “urxe a solucionar o máis axiña posible esta situación para que o rexistro municipal non viva nun colapso constante”.

Leave a Reply

twenty − seven =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies