Transparencia

O PP esixe a retirada dunha vintena de novas da web do Concello

By 30 Outubro, 2015Xaneiro 13th, 2016Sin comentarios

O voceiro popular Jaime Castiñeira alerta do “perigo democrático e do risco para imaxe do Concello” a “confusión interesada” do goberno entre o ámbito político e o institucional, “con manobras propias de réximes de pensamento único”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, esixiu esta mañá en rolda de prensa a retirada “inminente e urxente” de todas aquelas notas de prensa, alomenos unha vintena, que “non teñen cabida nunha web institucional de calquera administración dun país democrático”.

Nese senso, Castiñeira subliñou que “non é casualidade nin un comportamento inocente, senón que a confusión dos planos institucional e político é unha manobra premetida para impoñer un pensamento único, servíndose de recursos públicos que deberían estar ao alcance de todos e non só do grupo de goberno”. “Parece que para os socialistas non é suficiente situar os enlaces ás webs dos outros grupos políticos nun lugar residual do portal municipal”, ironizou o popular, ao tempo que pediu que neste apartado os diferentes grupos se ordeen polo número de votos obtidos e que se completen os datos de contacto.

Deste xeito, os populares reclamaron “o cese inmediato” deste tipo de prácticas, “das que o ocorrido onte non foi máis que a gota que colmou o vaso”, xa que antes da nota de prensa co título A oposición manda á rúa a 30 traballadores en dous plenos difundiranse, tras a celebración dos plenos, a través da web municipal outras cos títulos O PP rompe o consenso da Corporación de garantir a boa convivencia no barrio da Ponte (24 de setembro) ou Só o PP rompe o consenso da Corporación a favor do mantemento da gardería do Sagrado Corazón (30 de xullo). “Imponse a visión dun único grupo político sen recoller nin un só argumento dos outros cinco da corporación”, advertiu.

Outros exemplos que agregou Castiñeira foron as notas de prensa tituladas A actitude de Feijoo fronte aos incendios e o sector lácteo demostra que “se agocha ante os problemas do país” (14 de agosto), O Concello denuncia “a nova inxustiza de Rajoy cos xubilados lucenses”, que en 2016 cobrarán 1,5 euros máis de media ao mes (7 de agosto), “Feijoo tardou 6 anos en darse conta de que o problema do lácteo é un problema de país”, lamenta o edil de Medio Rural (6 de agosto), Miguel Fernández: “Rajoy somete de novo aos lucenses a unha intolerable discriminación nos Orzamentos” (5 de agosto), O Concello ve “intolerable” que Rocío Mosquera poña en dúbida a continuídade do sistema sanitario (24 de xullo) ou A alcaldesa considera “unha falta de respecto aos veciños” a visita de Mosquera (15 de xullo). “Son seis exemplos de ata que punto chega a manipulación e o intento de impoñer unha postura única, confundindo o Concello coa acción dun grupo político”, subliñou.

A estes casos, Jaime Castiñeira engadiu outros como as que levan por título Lara Méndez lamenta que Feijoo “non se entere” das necesidades dos lucenses (27 de outubro), Os Orzamentos deixan ver un Goberno galego esgotado, que non cumpre e castiga a Lugo (21 de outubro) Co cese de Mosquera, o presidente da Xunta “dános a razón aos lucenses cando recriminamos a actitude da Conselleira” (5 de outubro), Goberno e traballadores ven con preocupación a “grave incoherencia” da oposición sobre a ORA (30 de setembro), A oposición deberá explicar á súa militancia e á cidadanía por que se alía co PP para bloquear calquera iniciativa do Goberno (29 de setembro), A alcaldesa esixe a Feijoo que, “por riba das cifras”, dote a Lugo de Hemodinámica 24 horas: “é o xusto” (3 de agosto).

Así mesmo, os populares animaron aos socialistas a facer un “uso máis prudente e menos belixerante” cando se trata de iniciativas dun goberno respecto doutras administracións, “igual de lexitimadas e que requiren da mesma mínima lealtade”. Esta reclamación prodúcese diante de titulares como O Goberno esixe á Xunta que cumpra cos compromisos adquiridos con Lugo nos Orzamentos 2016 (22 de outubro), O Goberno esixirá á Xunta no Pleno que inclúa no Orzamento 2016 a implantación de hemodinámica 24 horas (15 de outubro), O Goberno esíxelle á Xunta de Galicia o mantemento da Cámara de Comercio (17 de setembro), A alcaldesa esixe a “implicación directa de Rajoy e Feijoo para garantir o futuro do sector lácteo (3 de setembro), O Pleno esíxelle solucións urxentes a Goberno central e Xunta ante a “auténtica agresión” que sofre o sector lácteo (30 de xullo) ou O Concello esíxelle a Goberno Central e Xunta que garantan a recollida do leite e a súa venda en condicións dignas (21 de xullo).

Por outra banda, Jaime Castiñeira criticou a “confusión e a manipulación interesada” entre as accións de goberno e as de grupo político á hora de realizar proposicións. Así, reprochou que se transmita que O Goberno propón cando se refire ás mocións rexistradas para o seu debate en pleno polo Grupo Municipal Socialista.

Ante esta situación, os populares trasladarán ao vindeiro pleno unha iniciativa para a elaboración dun código de boas prácticas para a web municipal, de xeito que se estableza “claramente que contidos deben ir no portal institucional e cales nos dos respectivos grupos políticos, así como os enfoques e o tratamento que deben primar”.

Por último, os populares afearon ao novo equipo de goberno que “o ocorrido onte foi só a gota que colmou un vaso que xa fora enchendo o anterior goberno municipal”. “Igual que con Orozco, a web do Concello segue ofrecendo interpretacións sesgadas e opinións interesadas, en lugar de cinguirse a dar información de uso público, que é o que os veciños agardamos dela”, concluíu Castiñeira, quen ironizou con que “todos estes casos non están nada mal para os tres meses e medio que levamos dende que se constituíu o goberno local”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies