InfraestruturasTransparencia

O PP esixe a Lara Méndez que non sexa xuíz e parte do procedemento que dirimirá responsabilidades pola perda da concesión da Fábrica da Luz

By 20 Maio, 2022Sin comentarios

Antonio Ameijide denuncia que Lara Méndez tenta quedar libre de toda culpa neste procedemento, erixíndose en impulsora do expediente e en persoa que resolve, en lugar de inhibirse, cando en realidade debería ser unha das investigadas ao non atender os requirimentos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

O Grupo Municipal do Partido Popular acusa directamente a Lara Méndez de tentar manipular o procedemento que dirimirá a responsabilidade do anterior equipo de goberno na perda da concesión de explotación da Fábrica da Luz e pola que houbo que indemnizar á empresa concesionaria con case 2.5M€.

Antonio Ameijide fai esa reflexión despois de ter acceso a un decreto que onte mesmo asinou a alcaldesa para dar inicio á depuración de responsabilidades, documento no que tenta “adxudicar parte da responsabilidade a un técnico municipal”, técnico que “realizou unha labor totalmente profesional e intachable” xa que en todo momento advertiu, tanto á alcaldesa como a Daniel Piñeiro, da necesidade de asinar a solicitude de prórroga da concesión.

Recorda o vicevoceiro municipal popular que tanto o técnico como dende este grupo municipal recordouse en numerosas ocasións a necesidade de tramitar a petición de prórroga para non perder a concesión.

  • 30/09/2016: Data na que se pon na mesa de Daniel Piñeiro a documentación para a solicitude de prórroga. Só ten que asinar os documentos
  • 11/11/2016: O Concello solicita a prórroga ante a  CHMS, pero fóra de prazo. Un mes e medio despois de que a documentación se puxese na mesa de Daniel Piñeiro para que a asinase

Para Antonio Ameijide, Lara Méndez debería apartarse deste procedemento no que se debe dirimir a súa posible responsabilidade, pero aínda máis curioso é que no decreto que asinou onte mesmo “unicamente se nomea como presuntos responsables a un técnico municipal e a Daniel Piñeiro”.

“Estamos ante uns dos asuntos de máis envergadura deste mandato e queremos que se faga xustiza para evitar que os lucenses volvan ser os que paguen as malas decisións, as neglixencias e as chapuzas da alcaldesa de Lugo e o seu equipo na caducidade da concesión da Fábrica da Luz”, explicou Ameijide, que continuou afirmando que “Lara Méndez é a máxima responsable das decisións que se toman neste Concello e ela estaba ao tanto da situación, polo que non pode escorrer o bulto e debe inhibirse deste proceso por se ten algún tipo de responsabilidade”.

Antonio Ameijide recorda o que xa se dixo dende o Grupo Municipal Popular en varias ocasións: “Estamos dispostos a pelexar ata as últimas consecuencias e esgotar todas as vías legais para conseguir que se depuren responsabilidades políticas para que os políticos responsables dos despropósitos da Fábrica da Luz paguen do seu peto a indemnización (2.434.352,16€) e os custos que supoñen as malas decisións adoptadas sobre a xestión deste inmoble xa que os técnicos municipais non teñen culpa algunha, ao contrario, agradecemos enormemente o seu traballo e as reiteradas advertencias que realizaron para que se asinara a solicitude de prórroga en tempo e forma”.

A situación é moi sinxela: “se non as fas, non as temas” polo que insistimos, “a alcaldesa é parte responsable, polo que non pode irse de rositas e tentar cargar a culpa aos demais”.

Dende o Grupo Municipal Popular lembran que “sempre defendemos que deben pagar os políticos responsables os máis de 2,4M€ de indemnización á concesionaria que os xuíces sentenciaron, en lugar de castigar aos lucenses para pagar pola neglixencia da alcaldesa e o seu equipo que son os únicos culpables”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies