Tráfico

O PP esixe a eliminación de dez puntos negros de tráfico da cidade

By 23 Decembro, 2015Xaneiro 29th, 2016Sin comentarios

O concelleiro popular Antonio Ameijide reclama que “con carácter de urxencia no primeiro semestre de 2016 se dea resposta a cruces conflitivos e rotondas problemáticas que levan anos acumulando sinistros ante a pasividade do goberno”.

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Antonio Ameijide esixiu ao goberno municipal a eliminación de dez puntos negros de tráfico da cidade.

Ameijide reclamou que “con carácter de urxencia, e en calquera caso no primeiro semestre do ano 2016, os socialistas dean resposta a cruces conflitivos e rotondas problemáticas”, dado que “o goberno actual herdou a mesma pasividade e a mesma inacción que demostrara o anterior”. “Houbo simplemente un cambio de caras, de xeito que a preocupación pola seguridade vial segue a ser nula”, aseverou.

O edil popular asegurou que “hai puntos onde levamos anos acumulando sinistros sen que nin Orozco nin a actual alcaldesa se molestaran un mínimo en atallar a situación”. Nesa liña, Ameijide citou puntos conflitivos no entorno da Piringalla como na rotonda da Medusa, “un dos puntos onde se rexistran máis accidentes de toda a cidade”, ou as interseccións entre as rúas Santo Grial e Mar Cantábrico, así como a de Angelo Colocci con Santo Grial e tamén Angelo Colocci coa Lavandeira. “Son soamente catro localizacións da zona norte nas que as solucións son inaprazables”, insistiu.

Así mesmo, Ameijide aludiu a exemplos no barrio da Ponte, como o cruce de Rego da Laxe coa Estrada Vella de Santiago no que os populares propuxeran a modificación das prioridades de paso; á rotonda de Conde Fontao “no que o principal problema se deriva de que non está claro se alí existe unha glorieta ou non, o que afecta moi seriamente á circulación e ás prioridades”; ou ao cruce de Río Sil e Río Conde, se ben “polo menos nese entorno o goberno municipal accedeu a, como tantas veces propuxeramos dende o PP e en contra do que eles mesmos votaran, facer bidireccional o primeiro treito de Infanta Elena en dirección ao Ceao”.

“Todo iso por non falar do cruce entre San Eufrasio e Ronda das Fontiñas, no que antonte tivo lugar un accidente que moi probablemente se podería ter evitado se os socialistas tivesen executado un acordo plenario adoptado hai máis de dous anos, no pleno de principios de decembro de 2013, a instancias do GMPP para o redeseño desa isleta e minimizar a posibilidade de sinistros”, asegurou Ameijide, ao tempo que criticou que “acábase de realizar o repintado de sinalización horizontal alí e non se vai dar nin un só paso no sentido de mellorar este punto”.

Ademais, Ameijide aludiu a outras interseccións “perigosas” como a de Vicente Pimentel coa Avenida das Américas; ou varias do entorno da Milagrosa e Camiño Real, como a de Concepción Arenal con Camiño Real, a da rúa Tui coa de Ourense, ou a de Ourense coa rúa Betanzos.

Por último, o edil popular insistiu na urxencia destas actuacións “porque todo esforzo e todo investimento en seguridade vial é sempre unha garantía por máis que o goberno local o cuestionase e se amosase reticente a apostar por elo”. “Falamos de vidas humanas e, polo tanto, falamos de respostas inaprazables”, concluíu, ao tempo que anunciou que trasladará esta demanda ao vindeiro pleno municipal.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies